Alcalde sinala á contaminación como un dos grandes riscos para o estuario
18 nov 2014 . Actualizado a las 04:52 h.Hai xa un lustro que Francisco Alcalde -natural de Taragoña- colleu o mando no Consello Regulador do Mexillón de Galicia. A finais do 2009 converteuse en presidente dunha institución que xa tivera como cabezas visibles ao boirense Olimpio Castelo, ao rianxeiro José Figueira e ao produtor de A Illa Ramón Dios, tres homes con tres personalidades distintas e tres formas de actuar ben diferenciadas. O carácter de Alcalde tamén marcou unha nova etapa no consello. Defende o mexillón galego con contundencia, sen importarlle pórlle nomes a algúns dos seus inimigos, pero sen declaracións estridentes nin saídas de ton. Fía tan fino coa linguaxe que case antes de empezar, nun momento no que a conversa xira sobre o calvario que supoñen ultimamente as toxinas para os bateeiros, avisa: «Coidado, esa palabra úsala ti, eu non dixen nada diso. Non pronuncio ese termo, falo de marea vermella».
-Leva cinco anos como presidente do consello, agora mesmo está en funcións porque arrancou o proceso electoral, no que se volve presentar para o cargo... ¿Que o animou a facelo?
-Axudoume a miña xente, os que teño arredor. Animáronme tanto produtores como distribuidores e comercializadores. E sobre todo convenceume a necesidade de que os produtores sigamos aí, loitando por afianzar a DOP -denominación de orixe protexida- do mexillón.
-No próximo pleno do consello haberá seis representantes da produción, catro da depuración e dous da transformación. Presentáronse tantos candidatos como vacantes hai, así que é probable que non haxa nin que votar, ¿hai algún outro barbancés que se prevé que forme parte do pleno?
-Si. Na parte dos transformadores está a conserveira Luis Escurís Batalla, unha empresa que aposta claramente pola DOP.
-¿Cal é agora mesmo a situación do sector do mexillón, sobre todo dos produtores, que é a parte da cadea deste bivalvo á que vostede pertence?
-Moi complicada. O sector estase vendo moi afectado polas irregularidades que hai no etiquetaxe do produto, xa que se vende mexillón foráneo que se fai pasar por galego. Tamén lle pasa factura a desorganización. E se a iso lle sumamos todo o tempo de mareas vermellas conclúese que os produtores están pasando por un dos seus peores momentos. Os propios datos así o din.
-Malia ese diagnóstico, na súa terra, na marxe norte da ría de Arousa, hai quen di que para moitos mexilloeiros este foi un moi bo ano, que lograron vender bivalvo de bateas que en anos normais, sen toxina nas zonas de produción máis privilexiadas, non tería saída no mercado...
-Ese é un discurso equivocado. Ao sector do mexillón de Galicia non lle pode ir ben porque unha parte dos produtores comercialicen ben o seu bivalvo coincidindo con que outros teñen enriba a marea vermella. Iso é o que nos leva á desorganización. Os datos do noso negocio están aí, e vese que baixa a facturación. Temos que ter vontade e volver a pensar como colectivo, porque cando o sector estivo unido foi cando tomou as mellores decisións.
-A institución que vostede preside podería ser unha ponte para lograr esa unión, pero non todos os produtores comulgan co consello nin se integran nel, o cal non deixa de ser un atranco, ¿como se explica iso?
-Non se entende que haxa unha parte do sector produtor que non se integre no consello. Pode ser que actúen así por falta de coñecemento. Ou porque están condicionados polos intereses dalgúns dos seus clientes, aos que pode que non lles guste que se defenda un selo de calidade para o mexillón de Galicia, a nosa DOP, que é a función do consello.
-Cónstame que vostede non só aposta por unir o sector do mexillón, senón tamén por que toda a xente do mar pelexe xunta polos seus intereses...
-Si. Aínda recentemente tivemos reunións cos responsables das confrarías para falar do etiquetado dos produtos. Todos temos problemas comúns. Fíxate, a calidade e a cantidade do marisco na ría de Arousa está indo a menos, a capacidade de produción da ría merma, e aféctanos a todos. Iso supón un retroceso socioeconómico para a xente do mar, do norte e do sur da ría.
-¿A que atribúe esta caída?
-Pode atribuírse a moitos factores, dende a contaminación, as verteduras incontroladas á ría, ao cambio climático. Cómpre investigar que é o que está a pasar coas augas.
francisco alcalde presidente en funcións do consello regulador do mexillón
«Non se entende que haxa unha parte do sector que non se integre no consello»
«O sector estase vendo moi afectado polas irregularidades que hai no etiquetado»
«Temos no mercado máis de cen produtos certificados coa DOP»