«Aquí viña Luis Suárez cando xogaba no Inter, nun Maserati»

La Voz

AROUSA

13 oct 2013 . Actualizado a las 06:58 h.

En 1958, Mario, natural de Vila de Cruces, chegou de Santiago para traballar no café Nueva España. Veu para quedarse, xa nunca marchou. A súa é a historia de cinco décadas de hostalería nas que o mar foi cada vez máis lonxe.

-¿Daquela cales eran as cafeterías de máis renome?

-As mellores eran o Central, o España, o Caballinés e tamén o California.

-Moito cambiarían as cousas.

-Moito. Non ten nada que ver o de agora co de antes.

-¿Para mellor?

-Depende de como se mire. Agora hai un trato moito mellor co cliente, antes era demasiado servil, «si, señor; no señor», agora todos somos iguais. Home, sempre hai algunha falta de respecto, pero nin unha cousa nin a outra. Se tivese que escoller, quedo co de hoxe.

-Non lle faltarán anécdotas.

-Pois non vaias pensar que hai demasiadas, porque como digo era moi difícil ter confianza cos clientes. Home, Luis Suárez viña por aquí, polo España, cando xogaba no Inter, nun Maserati. Tiña un grupo de amigos e non pagaba nunca.

-¿Onde estivo vostede mellor?

-¿Falamos de facer cartos ou de estar a gusto?

-Empecemos polos cartos.

-Para os cartos non había coma o Plaza, aínda que o Dorna, no 75, era unha auténtica mina.

-¿E o de andar a gusto?

-A gusto estiven en todos. Ao España, por exemplo, vin traballar porque Antonio Barca, o propietario, era familiar meu. Cando o mar chegaba aínda aquí os martes e sábados parecía isto Santa Rita. Viñan os barcos de Ribeira, de Rianxo e de A Illa e a xente facía cola para almorzar. Eses días tiñamos un recadeiro só para darlles servizos dende o peirao. Aínda me parece velo, a José María, co seu maletín. Iso desapareceu todo, igual que se lle foi comendo sitio ao mar.

-¿E onde para, hoxe, un camareiro coma os de antes?

-Daquela botaba a partida no quiosco do Casablanca, que era unha marabilla. Hoxe tomo café co grupo de amigos en La Marina. Todos os días, ¿eh?