A exposición «A escola en Vilagarcía» cobra vida en quince escaparates da rúa Alcalde Rey Daviña
AROUSA
Foi, sen dúbida, unha das exposicións producidas polo Faiado da Memoria e o Arquivo da Memoria Social de Vilagarcía que máis éxito acadou cando, hai meses, se materializou nas sas e corredores do auditorio. A mostra A escola en Vilagarcía recolleu en paneis a historia das institucións educativas da capital arousá ao longo do século XX. A proximidade no tempo fixo que moitos veciños se visen retratados nunha exposición sobranceira, nalgúns casos literalmente, pois eran eles quen aparecían sentados en pupitres ou ollando a lección nas fotografías tomadas naqueles anos lonxanos da infancia. Agora, eses mesmos paneis saen á rúa. Concretamente a Alcalde Rey Daviña, nos escaparates de La Caixa, Caixa Geral, Muebles Saavedra, a ferretería Sobrino, a Parafarmacia, Cespón, a cafetería California, San Carlos, Dilema, R, Anabel, a cafetería Maty, Viajes Iberia, Axóuxere e a farmacia Chaves. As lembranzas percorrerán o espazo público para todos ata o vindeiro día 31.