Amo a palabra olvido e sufro serias desavenencias con pulcros correctores da lingua cando retiran esta voz das liñas dos meus libros. Quero que olvido permaneza, que non a borre o esquecemento colectivo deste país ineficiente que insiste no que perde e chora o que nunca tivo, nin ten, nin terá. Olvidar as feridas. Perdoar. Pisar no rancor. Mirar sempre cara adiante. A vida non pode estar lastrada polo odio e a perpetua inquina. Hai xente que vive para odiar, aínda que pareza mentira. Que gasta o seu tempo en lacerar as ansias do inimigo. Que esperta cada mañá coa intención de desgastar ao contrario. Esa xente non se preocupa de crecer e avanzar. Para eles só ten interés que sufran os adversarios. Non me gusta esa xente. Imaxino que xa coñecen o vello conto dos amigos que atravesaban o deserto. Discutiron. Un deles increpou ao outro. Golpeouno. O que recibiu a labazada anotou na area, chorando: «O meu amigo bateu en min». Máis tarde chegaron a un oasis. O amigo golpeado perdeu o equilibrio e caeu a un lago. Non sabía nadar. O acompañante tirouse de contado á auga e non permitiu que afogara. Este, ao recuperarse, escribiu nunha pedra: «O meu amigo salvoume a vida». Continuaron o camiño. Un preguntou: «¿Por que escribiches na area cando discutimos e por que escribes nunha pedra cando te saquei da auga». O amigo contestou: «Cando me golpeaches escribín na area porque os malos momentos ten que borralos o vento, que calquera día pasará por riba das miñas palabras e limpará a dor. Os bos momentos, porén, deben ser permanentes e imborrables». Abrazáronse. Rematou o conto. Afirman os que relatan esta historia que os dous viaxeiros permaneceron xuntos por sempre. Eu quero engadir que saíron do deserto e nunca máis regresaron a el. Foron felices. Outros, desafortunadamente, fan do odio o motor das súas vidas. Son incapaces de saír do deserto.