Pechará un ciclo de concertos que comeza hoxe coa Orquestra de Pulso e Púa Arousa
25 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O Liceo Casino de Vilagarcía abre esta noite o programa Concertos das Letras , que se celebrarán ao longo de toda a semana e que pecharán o sábado coa actuación da Asociación Coro Liceo de Vilagarcía, que regresa deste xeito, aínda que sexa de forma puntual, á que foi a súa casa durante tantos anos.
Pero antes de que chegue ese reencontro, quedan por diante outras catro actuacións. Comezarán esta noite coa Orquestra de Pulso e Púa Arousa, unha das agrupacións da sociedade recreativa vilagarciá.
Mañá mércores actuará a Júnior Band de Vilagarcía. E o xoves serán dous grupos de cámara do conservatorio profesional de música do Concello de Vilagarcía, xunto con alumnado do instituto Castro Alobre, que lerá poemas de Uxío Novoneyra, a quen se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas.
O venres será o coro infantil e xuvenil da escola municipal de música Bernardo del Río o que poña a nota musical dentro da programación cultural do Liceo Casino. E pechará a semana, o sábado, co Coro Liceo.
Todas estas actuacións se desenvolverán no salón de actos da sociedade vilagarciá, no edificio situado na rúa Castelao, todos os días no mesmo horario, a partir das nove da noite.
Propostas culturais
Este ciclo musical, preparado co gallo da recente celebración do Día das Letras, é unha das primeiras propostas culturais preparadas pola nova directiva do Liceo Casino, que tomou posesión hai algunhas semanas, concretamente da sección que dirixe Xermán Torres, vicepresidente e secretario de Actividades Culturais.
Outra das iniciativas, neste mesmo ámbito, é a exposición de fotografía submarina que tamén pode visitarse nas instalacións desta entidade. Trátase dunha mostra itinerante propiedade da Federación Galega de Actividades Subacuáticas, e reúne un total de corenta fotografías do circuíto galego de fotografía submarina do ano 2009. Esta exposición presentouse o día 11 e permanecerá a disposición do público ata finais deste mes.