A esgrima vén de gañar en Vilagarcía dúas ducias de predicadores, que recomendan a todos os públicos un deporte que están a descubrir da man de Araceli Bugallo e da Fundación Municipal
03 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Luns. Oito e media da tarde. Pavillón do instituto de Carril. A Escola Municipal de Esgrima de Vilagarcía comeza a súa hora e media de clase semanal coa cambadesa Araceli Bugallo á fronte. A catro veces campiona de España de espada en categoría absoluta disfruta desde xaneiro dun soño aprazado durante sete anos, o de poder transmitir a súa paixón nunha escola municipal en Arousa. E polo que comentan os alumnos do seu primeiro curso, limitado a maiores de 15 anos, a lástima foi non poder ter coñecido antes unha actividade da que só falan marabillas.
José García Ferreirós é mecánico de mantemento industrial. Con 45 anos o tenis e o buceo eran ata agora as actividades que colmaban a súa axenda deportiva. Ata que víu na prensa o anuncio da primeira edición da Escola Municipal de Esgrima. «Quería probar algo novo, distinto», e «a verdade é que é un deporte moi entretido», comenta.
«O primeiro que fixemos», lembra José, «foi unha primeira toma de contacto co equipo, as caretas, as espadas, os traxes, as proteccións... e aprender os primeiros movementos sen espada, os básicos para poder desprazarte. É como un baile», describe o aprendiz de tirador. O primeiro contacto coa espada, a arma coa que traballan os alumnos na primeira edición da escola municipal de esgrima, non chegou ata a terceira clase. Algo que ve lóxico José, porque «se non sabes desprazarte sequera, non vas a andar con ela na man».
En todo caso, os loitadores de esgrima non corren ningún perigo, xa que a protección é a base deste deporte. Ata o punto de poder ser «abafante», di García. «Cando te colocas a careta as primeiras veces é sufocante. Parece que estás nunha caixa. E cando te tocan a primeira vez na careta, co medo ata pechas os ollos. Pero iso só é ao comezo», ata que se asimila o alto grao de protección do uniforme e un se pode limitar a disfrutar da experiencia.
O neófito explica que a esgrima «require moita axilidade e reflexos. Actívate». Pero tamén aclara que non esixe unha gran complexión atlética nin unha determinada idade. É máis, lembra que «hai pouco vin un torneo en Santiago, e había tiradores de 60 anos. ¡Había que ver como lle daban!. ¡Xa me gustaría a min!». E é que máis ca un deporte, «isto é como un xogo, que require moita técnica e constancia. E inda que poida parecer que é un deporte individual, só o podes practicar en equipo». Por todo o anterior, «recoméndollo a calquera. Mesmo para os rapaces».
Da mesma opinión é Mari Carmen Franco. Administrativa de profesión, aos seus 40 anos víu no curso da Fundación a oportunidade de retomar unha actividade que a fascinara tres anos antes, cando Araceli Bugallo impartira dous cursos de esgrima no local dunha asociación vilagarciá. A falta de espazo afogara entón a iniciativa. Agora ela e outros tres ex compañeiros se uniron ás dúas decenas de novatos na escola municipal.
Mari Carmen, que está a aproveitar as primeiras clases para desempolvar os conceptos básicos, salienta as bondades da esgrima, que ademais de «manterte en forma» resulta unha actividade «moi nobre, na que existe moito respecto ao contrincante». De aí que a considera «interesante para todas as idades. Non precisas moito esforzo físico», advirte, primando a habilidade técnica e os reflexos sobre o músculo.