Quitaron a careta e se lles ve a cara

Manuel Vázquez

AROUSA

Algúns estanse quitando a careta e non é porque sexa o final do entroido, senón a careta ca que concorreron ás eleccións autonómicas de hai menos dun ano. Dígoo polos membros do Partido Popular de A Illa, uns señores non só faroleiros senón mentireiros, enchufados e interesados.

En primeiro lugar mentireiros, por un puñado de votos, as primeiras de cambio, enganaron e deixaron na cuneta con falsas promesas os veciños de A Illa con respecto ao vial de acceso ao porto do Xufre.

En segundo lugar enchufados e interesados. Parécenos moi ben que agora reclame o señor Juan José González a aplicación dos 100 metros para o Cabodeiro, unha vez que o recoñece dende o 2007 unha sentenza xudicial, e que conqueriron outros. Tarde piaches, merlo branco. Recordar que cando se fixo ese deslinde no ano 2001, o señor Juan Jose González xa era concelleiro. Pois ben, daquela ficou e ficaron caladiños, porque como gobernaba o PP na Xunta e no Estado preferiron, como sempre, traizoar os seus veciños e cadrarse ante o seu partido ante a promesa dalgún favor persoal: enchufados e interesados.

Sen embargo o equipo de goberno do PSeG-PSOE en solitario, xunto coa Confraría de Pescadores e catro particulares alegaron aquel deslinde, alegacións que rexeitou o Goberno de Aznar. Entón interpuxemos un contencioso administrativo contra o Estado na Audiencia Nacional, contencioso que mantivemos contra o Goberno de Zapatero e que, felizmente para os intereses do Concello de A Illa, gañamos en 2007, modificando así, ese deslinde de 100 a 20 metros na zona da Sapeira e O Cabodeiro. Esa é a diferenza entre uns e outros.

En terceiro lugar desfachatez. Referirse no escrito só ao corredor ecolóxico porque afecta os seu patrimonio. En política estase polo interese xeral e non polo particular, señores do PP de A Illa. Interesados e enchufados. Esa é a diferenza entre o PSdeG- PSOE de A Illa e o PP de A Illa, e iso sábeno os nosos veciños, porque nós non criticamos só o corredor ecolóxico en As Aceñas que afecta á súa vivenda, que tamén, senón que denunciamos o tratamento que o Plan do Litoral lle dá a todo o municipio de A Illa, cando outros só se interesan do seu particular.

E remato como empezaba, que algúns xa están quitándose a careta. Agora xa sabemos por que o PP de A Illa non asinou o documento que asinaron o Concello e os entes económicos e sociais de A Illa de Arousa o outono pasado, e que se lle enviou á Xunta de Galicia, no que se lle amosaba, con total claridade e unanimidade, a postura e as peticións que as xentes de A Illa querían que recollese o Plan do Litoral, peticións que foron totalmente desoídas. Agora sabemos que o PP de A Illa entende a singularidade de A Illa de Arousa ao revés do resto dos cidadáns deste pobo, porque a singularidade non residía en ser o único concello de Galicia protexido ao 100%, senón que nos deixaran desenvolver este concello. Unha vez máis o PP de A Illa «se pliega a la voz de sus amos» por algunha promesa particular que lles farían -interesados e enchufados- en contra dos intereses de A Illa de Arousa. Membros do PP: aínda que non quitaran a careta de todo, xa se lles ve a cara.