Ero Pons estréase na Christmas Race cun sétimo posto na clase Finn, e Gago e Conde cun decimocuarto en 470

La Voz

AROUSA

19 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Bo debú o protagonizado onte polos catro regatistas do Liceo Casino de Vilagarcía na prestixiosa Christmas Race de Palamós (Xirona).

Nunha xornada na que as malas condicións climatolóxicas limitaron o programa de competición a unha única saída ao mar-estaban previstas tres mangas-, Ero Pons finalizou sétimo na clase Finn, na que compiten un total de 16 embarcacións.

Con 2 graos baixo cero e vento norte moi rolón, de entre 10 e 12 nós de media, Pons asinou unha excelente saída, situándose cuarto á altura da primeira ceñida. Logo de perder un posto na primeira popa da manga, o vilagarcián conseguíu recuperar a cuarta praza na seguinte ceñida. Pero ao tocar a boia Pons víuse obrigado a autopenalizarse, perdendo dous postos. Pese aos seus intentos por compensar o erro, tívose que conformar con este lugar na liña de meta, que finalmente definiría tamén a súa situación na clasificación provisional da Christmas Race.

O liceísta amosábase onte ao termo da xornada satisfeito coa súa actuación. Non en van, o nivel da participación é moi alto, co esloveno e número 2 do mundo, Vince Gaspert, líder provisional, seguido na xeral por medallista olímpico andaluz e número 1 español Rafa Trujillo e polo catalán Álex Muscat.

Con bo pé comezaron tamén os tres regatistas do Liceo Casino no cadro de competición da clase 470, na que tamén só se puido disputar unha manga. César Conde e Bruno Gago remataron o día decimocuartos de entre o medio cento de tripulacións participantes, mentres que Esteban Gañete e o seu patrón, o canario José Medina, ocuparon o posto 21.

As previsións meteorolóxicas para hoxe fan perigar a saída ao mar dos regatistas da Christmas Race, con ventos duns 25 nós e menos 5 graos de temperatura ambiental.