A familia do ximnasio Olimpic de Vilagarcía vén de disfrutar dunha das fins de semana máis exitosas dos últimos tempos, cunha colleita de tres medallas de prata no Campionato de España Absoluto de Combate e no Open de Holanda.
Nesta última cita, disputada na cidade de Eindhoven, o equipo vilagarcián contaba con dous taekwondistas nas filas da selección española júnior. Jorge Chorén non deu pasado da primeira ronda, ao caer co representante de Noruega por 6-4 logo de ir por diante case todo o combate. Francisco Padín, pola contra, asinou un brillante campionato facéndose coa medalla de prata en peso pluma.
Padín impúxose con claridade nos seus primeiros catro combates, para ceder o trunfo na final a falta de 5 segundos para a conclusión nun intercambio de golpes.
O Open de Holanda, de clase A a nivel de puntuación continental, foi valedeiro para o ránking clasificatorio para o vindeiro Campionato Europeo Júnior.
O Open de Alemaña darálle unha nova oportunidade a Francisco Padín e a Jorge Chorén para sumar méritos de cara a acceder á gran cita continental.
A algo máis de 2.000 quilómetros de distancia, o Olimpic disfrutou a pasada fin de semana das pratas de Raúl Bouzas e de Lúa Piñeiro no Campionato de España Absoluto de Combate.
En Ourense, Bouzas gañou os seus tres primeiros enfrontamentos no cadro de peso lixeiro, quedándose ás portas do título ao perder a punto de ouro contra o representante de Madrid. A caldense, pola súa banda, superou os seus dous atrancos no camiño ao combate polo campionato do peso superlixeiro, pero a lesión de nocelo que viña arrastrando lastrouna ante a catalana coa que se medíu na gran final, segundo explicaban onte no club vilagarcián.
O responsable técnico do Olimpic, Miguel Cuevas, valoraba onte como un «gran resultado» o papel asinado polos seus pupilos a pasada fin de semana. Polo que respecta a Bouzas e a Piñeiro, o seu vindeiro obxectivo será tentar clasificarse para o Europeo e para o Mundial de categoría absoluta.
De volta ao plantel xuvenil do Olimpic, Franscico Padín e Jorge Chorén participarán este sábado xunto cos seus compañeiros Cristian Gómez e Alicia Córdoba nunha concentración coa selección galega da categoría no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, coa vista posta no Open de España de Taekwondo.