A Compostela, ano 1931

AROUSA

A praia de Vilagarcía e o seu parque foron inaugurados hai xa 77 anos

12 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Nestes tempos nos que tanto se fala de praias cómpre lembrar que tamén a de A Compostela naceu dunha intervención ben anterior á que deu lugar, na década dos 90, ao actual paseo marítimo. De feito, o areal vilagarcián e o seu parque están a piques de cumprir 77 anos. O domingo 9 de agosto de 1931, primeiro verán republicano -por algo a banda municipal interpretou o Himno de Riego para a ocasión- un tren especial procedente de Santiago, coa súa corporación municipal e o alcalde López Poy á fronte, chegaban á estación de Vilagarcía, onde os agardaban o rexedor anfitrión, Elpidio Villaverde, e unha auténtica morea de xente.

O diario El Pueblo Gallego resumía días antes do acto as actuacións desenvolvidas no antigo parque de Joaquín Martínez: «Se ha construido un hermoso bar contiguo a una amplísima pista para patinar y campo de tennis, así como una balconada de cemento armado de 200 metros de longitud que da a la playa [...] habiéndose instalado gran número de casetas, amacas, sombrillas, dando la impresión de una playa moderna y europea». Se as crónicas levan razón, a area era mellor ca actual, sen que no horizonte asexasen nin estacas nin conflitos entre bañistas e mariscadores, pois a actividade extractiva, daquela, non chegaba a esta zona.

Sexa como for, a pista de tenis serviu como escenario de discursos. O alcalde santiagués prometeu unha rúa co nome de Vilagarcía no inminente Ensanche da cidade. Houbo banquete, servido por Tomás González, hora de champagne e visita a Cortegada. A xornada rematou cunha fenomenal verbena no propio parque, entre as dez e media da noite e a unha da mañá. Tanta foi a celebración que de Vilagarcía partiron de volta non un, como chegara, senón ata dous trens especiais. O último fumegou cara Compostela pasadas xa as dúas da mañá. E debía de ser boa hora.