«Gustaríame seguir o vindeiro ano»

AROUSA

Indiscutible titular da portería arlequinada, Pazos voltou o domingo a ser clave nun trunfo do Arousa, no que di sentirse moi contento e ao que inda non ve salvado

19 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Catro brillantes intervencións de Roberto Pazos en sendos mans a mans con xogadores do Coruxo resultaron vitais o domingo para amarrar o primeiro trunfo do Arousa ante un dos grandes da Terceira Galega esta tempada. Unha actuación que non fai máis que confirmar a excelente campaña do gardameta cambadés, convertido en peza clave do sistema de Juan Laxes.

-A opinión xeral é que a cómoda situación do Arousa na táboa débese en boa medida ao seu labor baixo os paos...

-Atopamos un bloque e un sistema de xogo que nos beneficia. Ao comezo da Liga eu sentíame menos confiado na portería. Xogabamos cun 4-2-3-1. Co troco de sistema, en 4-4-2, síntome máis arroupado, e iso dáme máis confianza. Melloramos moitísimo na colocación no campo. Esa é a clave da marcha do equipo. Eu teño partidos nos que me chegan dúas veces, coma co Narón, e marcan, e outros coma o do domingo co Coruxo, no que paro catro mans a mans.

-O certo é que vostede dinamitou o sistema de rotacións na portería que fixara Laxes...

-Tanto eu coma Felipe puxémoslle as cousas moi complicadas a Laxes ao comezo da tempada. Por iso fixou as rotacións. Ao final o adestrador decantouse por un, e tiven a sorte de que o elixido fun eu. Mirando as series de tres partidos de Felipe e as miñas, é xusto dicir que a Felipe lle tocou xogar dous partidos fóra da casa e ante equipos cun potencial moi grande coma Narón e Coruxo, nun momento no que estabamos sendo criticados, cando a min me cadraron dous encontros na casa fronte a rivais directos, da nosa Liga.

-¿Como valora a súa tempada ata o momento?

-Vendo como estaba o ano pasado non me podo queixar. Todo me está a saír a pedir de boca.

-¿Pódese dar por feita a permanencia do Arousa?

-Non. Como quen di, acabamos de saír da zona de perigo, e en calquera momento pódeste meter de novo abaixo. Se encadeas dúas derrotas, báixache o estado de ánimo. E o fútbol móvese por estados de ánimo. O noso agora está alto, polos resultados e pola dinámica de traballo. Pero ata que teñamos a permanencia matematicamente asegurada non a podemos dar por feita. E iso non chegará ata que sumemos 42 puntos.

-¿Onde veremos o equipo ao final da Liga?

-Non o sei. Eu firmaba agora mesmo por rematar a tempada onde estamos. Temos un plantel curto, e como nos falten dous ou tres xogadores nos adestramentos báixanos o nivel de traballo.

-¿Roberto Pazos seguirá defendendo o escudo do Arousa a vindeira tempada?

-Por agora desde o club non falaron nada comigo, pero gustaríame seguir aquí. Estou moi cómodo e contento no Arousa. Cos compañeiros e coa grada. Se acadamos a permanencia penso que seguirá o mesmo bloque. Estamos atravesando un momento doce, e creo que a directiva debera aproveitarlo.

-Pero xa terá ofertas doutros equipos...

-Escoitei cantos de serea de equipos da Segunda B. Pero en firme, nada.