Cinco anos despois, Xocas alerta contra a desmemoria, a comodidade e a busca de propaganda no canto de efectividade
18 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.A piques de se cumprir o quinto aniversario da chegada á ría da meirande ameaza que Arousa tivo que enfrontar na súa historia, Xaquín Rubido, o presidente da PDRA, tan activa naquela crise, opina sobre o actual estado de cousas.
-Van aló cinco anos. ¿Como estamos?
-Mellorouse, pero preocúpame que non se recoñezan as cuestións que están pendentes, por facer. E sobre todo preocúpame o perigo de instalarnos nunha dinámica semellante á do pasado, iso é o peor. Porque a experiencia do Prestige foi tan forte que a cidadanía non respostaría hoxe igual se acontecese algo parecido. Xa nos chegou co Prestige. Todos estariamos máis satisfeitos cunha seguridade máis madura, non baseada na propaganda.
-¿Que é o que bota en falla?
-Bótase en falla un compromiso coa cidadanía, unha mensaxe nidia, clara, comprometida, na que se identifiquen os problemas e se marquen solucións e prazos, non o ir poñendo parches. Se non, estamos no mesmo de sempre, o político bombeiro sen perspectiva de futuro. Ese é o pouso social que existe na ría. A demanda máis importante é a esixencia dun diálogo e un discurso de futuro que non agoche os problemas. Non é de recibo, por exemplo, que ás portas do 2008 non teñamos cumprida a directiva sobre augas residuais na ría máis produtiva do Estado español. Iso significa un abandono de anteriores gobernos, e a necesidade dos actuais de coller o touro polos cornos.
-Así e todo, afirma vostede que se mellorou. ¿En que?
-Si, dende o Prestige estamos mellor, pero é insuficiente. Este podería ser o resumo. A información que temos apunta a máis medios. Temos dous buques modernos e un avión cunha operatividade moi ampla. Pero promesas tan obvias coma que houbese un buque anticontaminación en Galicia están incumpridas. Tanto pola Axencia Europea de Seguridade Marítima coma polo Estado español. E o control efectivo do tráfico marítimo, aínda que é mellor, pola presenza dese avión do que falaba antes, non é total. Non hai unha cobertura satelitaria, e nós entendemos que son precisos medios para actuar directamente no mar, para deter os barcos, para exercer unha inspección efectiva que entra plenamente dentro das competencias do Estado.
-Moito se está a debater agora sobre a conveniencia dun porto refuxio. ¿Que opina?
-É un deses asuntos pendentes. Tanto a Organización Marítima Internacional coma a Unión Europea demandan eses lugares refuxio. Por tais entenderíamos lugares protocolizados para que nun caso de risco se buscase acubillo e houbese medios humanos e materiais para actuar. Pero, se ben é certo que no debate político global se está a producir esta discusión, intervencións como a que esta semana fixo Alberto Núñez Feijoo, reivindicando o alonxamento do buque, son esperpénticas. Non hai que esquecer que, precisamente pola adopción desa medida, a área afectada polas mareas negras multiplicouse por mil. Aínda sendo impopulares, as zonas refuxio son, efectivamente, necesarias.
-Estamos a falar dende unha perspectiva global. ¿Que hai da situación concreta na ría?
-Dende esa perspectiva global, algo que tamén se bota en falla son os lugares estratéxicos para o almacenamento de material de protección, que deberían estar situados ao longo do litoral galego, en función dunha análise de risco e dos bens a protexer. Un mapa que permitise unha intervención rápida. E ese mapa tampouco existe na ría de Arousa. Aquí mellorou o sistema de control coa entrada en vigor da identificación dos buques mercantes, que permite controlar e identificar os transportes que entran na ría. Pero ese control desaparece dende Sálvora cara o interior da ría. Os buques, a partir de Sálvora, deberían estar controlados por un centro de tráfico marítimo propio, como o que existe en Vigo.
-Porén, renovouse o sistema de sinalización...
-Certo, e é unha mellora e un avance necesario. Pero ese centro propio de control resultaría fundamental para evitar problemas relacionados coa coincidencia na ría de Arousa da flota mercante e a flota pesqueira tan importante que temos, porque o sistema actual non abrangue a flota pesqueira. Coido que é unha carencia importante.