Entrevista | Modesto Pose Mesura O seo da executiva local, co coñecemento e consulta de moitos militantes. Este foi, afirma Pose, o único berce dunha candidatura «colectiva, sen imposición algunha»
30 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.? conta atrás para a asemblea de militantes que debe ratificar a Enrique León como candidato do PSdeG á alcaldía de Vilagarcía xa comezou. Modesto Pose non ten dúbidas de que a proposta da executiva sairá adiante por indiscutible maioría. -Ao gran. ¿Houbo imposición do candidato? -O que diga iso, se ten información, está mentindo0porque non é verdade. Ou iso ou ignora como se desenvolveron as cousas. -¿Como foron, entón? -Foi unha decisión fraguada en Vilagarcía, no seo da executiva local, co coñecemento e consulta de moitos compañeiros. Poucas executivas na historia do partido estiveron tan implicadas na elección do candidato como esta. -¿Toda a executiva? -En calquera equipo directivo sempre hai xente que está máis nos pormenores e outros que o están menos. En calquera caso, a representación é do secretario xeral. -¿E vostede? ¿Cal foi o seu papel neste proceso? -Como secretario provincial teño unha responsabilidade e un cometido. A ninguén lle pode estrañar que faga o meu traballo, o contrario sería absurdo. Pero en absoluto foi unha decisión nin miña persoal nin de ningún membro da executiva galega. Insisto en que se fraguou enteiramente dende Vilagarcía. Foi o resultado de todo un proceso no que, aos poucos, moita xente acabou pensando en Enrique León como un magnífico candidato. Os primeiros, a xente da dirección local. Persoalmente, coido que cómpre felicitar á executiva vilagarciá por un traballo moi complicado, feito con moita sensatez e discreción. -Ben, pero hai quen di que manda vostede moito... -Menos do que algúns pensan e máis do que cren outros. Mire, cando as decisións se adoptan de forma colectiva, como sucede no Partido Socialista, as opinións non prosperan porque as sosteña fulano ou mengano, senón porque son razoables. -Sinceramente, ¿hai malestar entre a militancia? -Todo o que me chega do partido é magnífico. Poderá haber críticas ao procedemento, especialmente porque dende fóra do partido hai xente interesada en dicir que é unha imposición. -¿Como quen? -Por exemplo o PP e os seus aledaños. Alá eles. Non é o noso problema. -¿Pero por que vai querer o PP entrar nese tipo de guerras a estas alturas? -O PPdeG en Vilagarcía ten un candidato feble, e eles sábeno. Eu non digo nada, pero cuestiónanse se votalo ou non mesmo dende a propia executiva local. E el tampouco fai moito por mellorar e afianzar a súa imaxe. Non creo que lle axude moito andar de reporteiro pola praia en plan Aquí hay tomate . Ademais, non invento nada novo se digo que o centro de decisión do Partido Popular non está en Vilagarcía, senón en Ribadumia. -Voltemos ao procedemento. Decide a executiva, pero ¿como o fai? -Seguindo o procedemento establecido. A executiva local comprometeuse diante da asemblea a formular unha proposta de candidato na seguinte asemblea. Iso é o que se fixo, buscar un candidato, que será o que se propoña. E non dubido de que, coñecendo aos militantes de Vilagarcía como os coñezo, vaia ser amplamente referendado. -Hai certa confusión en torno o proceso de primarias. ¿Existe ou non esa posibilidade en Vilagarcía? -Imos ver, as primarias son un proceso perfectamente establecido. En primeiro lugar, teñen que ser autorizadas pola dirección galega. E están pensadas para casos nos que no PSOE haxa dous ou máis candidatos con garantías, como un medio para axudar á potencia electoral do partido, profundizando, por exemplo, no coñecemento social dos aspirantes. Pero o normal, o habitual, é que a dirección local propoña un candidato e esa proposta sexa sometida á asemblea, que se pronuncia democraticamente. Isto é o que se está a facer en Vilagarcía. E, sinceramente, non vexo onde poden ter cabida as primarias neste caso.