Concertos con sacho e tixola

Bea Costa
Bea Costa VILAGARCÍA

AROUSA

Reportaje Mercedes Peón foi quen popularizou a música con legón, pero este xeito de tocar non é novo, nin moito menos. Enrique García é quen de sacar notas de case todo e está disposto a amosalo

03 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Á dúbida se converte en certeza tras escoitar a Enrique García Moure. ¿Quen se atreve a discutir que o que el fai sexa música? Non emprega instrumentos de metal, de vento e de percusión ao uso. Nin sequera a voz, pero acaba obtendo os acordes e ritmos adecuados para acompañar desde un pasodobre, un vals o unha muiñeira. Faino como o facían os nosos avós. Entón non había nin tecnoloxía nin cartos para acceder á música pero non por elo renunciaban a un dos praceres e manifestacións culturais e artísticas por excelencia de nosa especie: a música. Botaban man de culleres, de aparellos do campo ou dunha simple cana que atopaban polo camiño. E así o segue a facer Enrique. Tras dez anos investigando e experimentando cos métodos de percusión máis tradicionais e insólitos chegoulle o momento de levar a súa particular música aos escenarios. Enrique García ten un amplo repertorio no que amosa instrumentos do máis orixinal. Abastécese das cociñas de toda a vida, do alpendres e de leiras e así reuniu o seu pequeno tesouro doméstico no que garda pezas tan meritorias como un morteiro feito cunha roda dun carro de hai setenta anos e un caixón de arenques decorado, daqueles que primeiro se usaban para gardar o peixe e logo eran reconvertidos a xeito de tambor. Ten moito máis: un birimbao dos que xa case se extinguiron nas Rías Baixas pero que aínda perdurar como trompas en A Fonsagrada; un charrasco; as ferraduras de cabalo e vaca, tamén chamadas canelo; un fouciño con testo de tarteira; un sacho con ferramenta de canteiro a xeito de baquetas; unhas culleres de madeira de buxo; as tarrañolas e a lexendaria carraca que nos deixou de herdanza a civilización grega. Tamén recorre a elementos máis modernos. Unha vasoira e un cazo e unha leiteira dada a volta tamén lle serven para este fin. Paixón polas canas Pero a paixón de Enrique García son as canas. Desde que descubriu a un home de Rianxo facendo música cunha simple cana soubo que el quería facer o mesmo. «Foi o que máis me impactou, ver como cunha simple cana de calquera canaveira que vemos polas leiras, e cunha simple navalla, alguén pode facer en cinco minutos un instrumento do que sacar música», segundo explica. E como non podía ser doutro xeito as canas son protagonistas no seu repertorio. Golpeándoas unhas contra outras, canas ao aire, canas á cadeira... «e soan espectacular», explica. Enrique é natural de Catoira pero vive desde hai anos en Rianxo, adonde acoden moitos a pedirlle que lle faga tal ou cal instrumento. Este artesán está de baixa permanente por enfermidade así que nin ten todo o tempo nin toda a saúde que quixera para dedicarse a recuperar e construír instrumentos. «Teño moitos encargos pero teño que dicirlle a moita xente que non». Aínda así, pode presumir de que grupos coma Mutenrohi gravan os seus discos cunhas culleres feitas por el e de atesourar no seu taller situado no porto de Rianxo unha trintena de instrumentos entre outro material etnográfico: desde documentos gráficos ata un aparello de montar cartuchos para escopeta de mais de cento cincuenta anos. Ademais forma parte dun grupo de música antiga barroca de Boiro no que toca a frauta e a percusión. Enrique é dos que opina que na recuperación da música tradicional galega se leva avanzado moito nos últimos anos, pero que aínda hai moito camiño por andar. «A xente manda aos seus fillos a facer pandeireta, e está moi ben, pero hai outras moitas cousas. Non debemos perder a nosa memoria». E predica co exemplo. A súa filla Sara, con tan só sete anos, xa toca a cana, as culleres e a trécola primorosamente e xa foi quen de inculcarlle a paixón pola música, e tamén polo fútbol, engade. Porque unha cousa non quita a outra. Para dar a coñecer e promover todo este legado musical traballos coma o de Enrique resultan fundamentais e neste afán didáctico e divulgador acaba de dar un salto cualitativo importante. A súa música sae do taller de Rianxo e chega aos escenarios, as últimas actuacións, hai uns días, foron en Vilagarcía e Catoira. O público non queda indiferente pois aínda sendo música tan vella coma a dos tempos de Maricastaña para a maioría resulta todo un descubrimento.