OPINIÓN
02 dic 2002 . Actualizado a las 06:00 h.A CULPA móvese errática, como a gran mancha no mar, non sabemos cara onde se dirixe. Existe culpa concentrada e culpa dispersada. Algunha é visible, está na superficie. Outra está no fondo, no fondo da cuestión. Un grego cabeza de turco, chivo expiatorio, lava a culpa do responsable político. Unha empresa armadora, unha petroleira, unha aseguradora, un barco vello, unha ruta peligrosa, a máis rendible... Pero, ¿cara onde se vai desprazar a mancha da culpabilidade que ninguén quere asumir? Unha mancha aquí, outra alá... Negros de fuel están os responsables políticos que saben controlar e manipular a información, pero non son capaces de afrontar o problema dun barco que naufraga co veneno nos seus depósitos. Fuel e responsabilidades Fuel para os que permitiron que o barco fose á deriva as primeiras 24 horas despois do accidente, sen tomar unha decisión rápida. Fuel para o que tomou a decisión de orientar o barco cara o noroeste, decisión, a priori, rentable economicamente, pero de dudosa solidez nos aspectos téncicos e medioambientais. Fuel para o que permitiu que o barco fose deixado nas mans da compañía armadora, para ser levado cara o sur co único obxectivo de salvar a carga, aínda que ofra a costa de deixar no seu camiño un amplo regueiro de morte no mar. Fuel para o que criticou con saña xenófoba a decisión das autoridades portuguesas de non permitir a entrada do petroleiro nas súas augas, decisión que cecais libere ás Rías Baixas dunha parte da marea negra. Fuel para os que son responsables de elaborar un necesario pero inexistente plan de emerxencia na costa de máis accidentes por marea negra do mundo. Fuel para os que non hai moito tempo recortaron os presupostos do Estado destinados a salvamento marítimo. E tamén fuel para os que mentiron, para os que desapareceron, para os que foron cazar mentres a marea ennegrecía o litoral, para os que manipularon os distintos medios de información públicos, para o que dixo que a marea negra non existía, para os que cren que somos parvos. A mancha na sociedade A mancha está repartida tamén na sociedade. E por iso, fuel para o sistema capitalista do que participamos que, mediante as multinacionais do negocio do petróleo, e atendendo á lei da máxima ganancia, do mínimo gasto, da oferta e demanda, da explotación do traballador, da corrupción e da complicidade cínica dos estados, permite que chatarras cargadas de veneno viaxen por todos os mares facendo naufragar a vida nun océano de fuel. Terrorismo que sementa de morte o mar, xustificado, bendecido e apoiado polos paladíns da liberdade e a democracia. Aves cetáceos, tartarugas, crustáceos, moluscos, equinodermos, gusanos, briozoos, esponxas, cnidarios, protozoos, algas, liques, millóns de millóns de organismos vivos exterminados durante anos... E a xente, pensando e emigrar e asombrada por esta inxustiza. Que esa xente, toda esa xente, estea atenta cara onde se dirixe o fuel da culpabilidade. E que esa xente actúe democráticamente en consecuencia.