O proxecto, que garda importantes aplicacións na industria da alimentación, será presentado na feira Expomar A mellor defensa contra as dificultades é un bon ataque. Este principio futbolístico atopa unha clara aplicación no caso de Kvaerner Eureka. A fábrica vilagarciá agarda a solución definitiva ó seu vencello coa multinacional norueguesa, pero non o fai de brazos pechos. Porén, en Bamio tense desenvolvido durante os últimos meses un revolucionario sistema que permitirá ás pequenas e medianas empresas da industria da alimentación dispor dun mecanismo de conxelación propio. O proxecto estréase en Feiramar.
14 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.SERXIO GONZÁLEZ VILAGARCÍA Hai xa anos que a estratexia de Kvaerner Eureka pasa por desenvolver unha actividade autónoma con respecto ó grande grupo multinacional de orixe norueguesa que a viu nacer. Este planeamento é o que permite que a fábrica de Bamio siga a traballar con normalidade, desenvolvendo ademais unha tecnoloxía propia. O proxecto que esta semana se presenta en Burela, dentro da feira Expomar, é o mellor expoñente do esforzo desenvolvido na compañía vilagarciá durante os últimos anos. Trátase dun conxelador portatil, por contacto de placas horizontais. Toda unha revolución no eido da industria alimentaria, polo seu carácter especialmente axeitado ás pequenas e medianas empresas do sector, incapaces de asumir os fortes investimentos que esixen os sistemas tradicionais de conxelación por aire. Dacordo coas propias características do proxecto, o seu mellor aproveitamento viría dado a través dos productos cárnicos. A iniciativa disfruta do respaldo económico do plan galego de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, así como coa colaboración do Centro de Innovación e Servicios (CIS) de Ferrol, dependente de Industria. A cita de Expomar comeza mañán, na vila mariñá, para extende ata o vindeiro domingo. É a primeira ocasión na que o conxelador, aínda ausente do mercado, se presenta ós seus potenciais consumidores.