«A pesca non pode ser tratada como se fora un sector marxinal»

La Voz

AROUSA

02 oct 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Falando de programa a Francisco Trigo non lle caben as verbas na boca. As propostas do seu partido abrenguen tódolos sectores sociais e productivos de Galicia. Moitas delas están fortemente vencelladas á terra que o veu nacer. Infraestructuras, por exemplo. Aínda que asegura que facer política «é moito máis que poñer cemento», o futuro dos portos, do ferrocarril, as autoestradas e a planificación industrial están ben definidos no seu programa. -É lamentable que non haxa un proxecto de conexión do Porto de Vilagarcía con Pontevedra e Vigo, iso provoca un grave retraso, e algo que debería ter prioridade absoluta. -Falando do porto; semella haber un divorcio entre os intereses de Vilagarcía e os dos mariñeiros. -Non hai divorcio algún. Hai responsables políticos que actúan segundo di o partido. O que si hai é falta de planificación. A zona portuaria ten sido un fracaso continuo pola falta dese proxecto. Política portuaria, pesca e a contaminación preocupan moito ó BNG. -Vostede leva xa varios encontros cos sectores do mar na comarca. -A pesca é un sector vital para a economía do país, non pode seguir a ser tratado como un sector primario marxinal. É vital que haxa un representante galego no Consello de Pesca da EU. Hai que recuperar caladoiros, desenvolver a acuicultura, facer que as mariscadoras teñan unha seguridade social axeitada, e nós apostamos por seguir no réxime especial do mar... fan falla cooperativas, pulamos polas asociacións no sector e por planos zonais de pesca... Pero non hai vontade por facer nada. Ninguén fixo números do que deixamos de percibir por deixar de producir. Nós no queremos un país subvencionado pola UE. -Na comarca tamén está de actualidade o tema dos polígonos industriais. -Tampouco hai programación. Non é cuestión deste concello ou aquel, hai que pensar na comarca e coordinala, non hai distancias e habería que buscar ubicacións para un gran polígono, aínda con outros pequenos. E por suposto, que o gas chegue a todos eles.