«O agricultor crea os nosos tractores»

La Voz

AROUSA

Manuel Barreiro Romero, presidente de Ibérica de Motocultores (Imoto) Manuel Barreiro Romero regresou á súa Vilagarcía natal hai 32 anos, tras pasar parte da súa mocidade en África do Sur. Alí adquiríu unha ampla experiencia no mundo da producción de maquinaria agrícola en empresas americanas e alemanas. Experiencia que soubo aproveitar para sacar adiante con éxito un proxecto empresarial hoxe ampliamente consolidado: Ibérica de Motocultores (Imoto). Coa mentalidade dun empresario gañador, Barreiro tivo sempre os reflexos precisos para adapta-la súa firma ás vicisitudes dun mercado aparentemente estático, pero enormemente cambiante como é o da mecanización agrícola. Convencido de que os galegos podemos ser tan bos como o que máis á hora de facer calquera cousa, o dono de Imoto converteu a súa compañía na creadora dos tres primeros tractores de fabricación autóctona do país. O último, o «Tornado», foi presentado esta semana.

03 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

PABLO PENEDO VILAGARCÍA Primeiro fabricou máquinas para galiñeiros, destinadas á distribución de pienso. Os piensos cárnicos causantes do mal das vacas tolas acabaron co negocio. Despois viñeron as ordeñadoras, pero a desaparición de miles de explotacións galegas a causa da política da UE puxo fin á súa rendabilidade. Desde hai 12 años, Imoto constrúe motocultores, e desde 1993, tamén tractores. -Seus son os tres primeiros modelos de diseño e fabricación galega. -Agás o motor, que case ningún fabricante fai, e as rodas. Comezamos coa fabricación de pezas para tractores, e desde hai catro anos construimos a máquina completa. Se o facemos non é tanto por rendabilidade, senón pola necesidade de cubrir toda a gama de productos do sector. Xa producíamos desgranadoras de millo, ordeñadoras, motocultores... Pero a competencia tamén fabricaba tractores, e había que evitar que os clientes se fosen a outro lado onde lles desen toda a gama de maquinaria que precisan. Hoxendía, non hai ninguén que nos faga a competencia, agás as marcas extranxeiras. E no 90% dos casos, as máquinas que fan non son axeitadas para o agro galego. -Un dos principais atractivos do seu producto é a construcción á medida do cliente. -Nós somó-los fabricantes, pero o verdadeiro creador da idea é o agricultor. Á hora de fabrica-los tractores, o primeiro que facemos é escoitar moitas suxerencias e problemas dos propios agricultores. Logo tratamos de cubri-las carencias que outras marcas teñen no momento de atende-las necesidades específicas do cliente. Nós facémolo con bastante facilidade. Unha fábrica que produce dez mil tractores non pode pararse a facer isto. Nós fabricamos en series de 25 máquinas cada mes e medio, e nos é doado facelo. Por exemplo, un cliente pode pedirnos sen problema que metamos unha toma de forza determinada no seu futuro tractor. A mecánica é moi simple. Só hai que te-los medios para facelo. E nós temos algúns. Procuramos que a mecánica sexa o máis sinxela posible para o agricultor, dándolle a maior seguridade e eficacia co menor prezo posible. -¿E como conseguen esa eficacia? -Ademais de adapta-las máquinas ás necesidades peculiares de cada agricultor, tamén as adaptamos ó sistema de producción dos cultivos de cada zona. A colleita de cereixa é totalmente diferente á do viño ou á dos productos de invernadoiro, tanto pola pranta como polo terreo na que se cultiva. Atendendo ás suxerencias dos agricultores, facémo-los tractores a medida no tocante ós acoplamentos e ós tamaños. Aí é onde marcámo-la diferencia respecto ós productos da competencia. Os nosos tractores están pensados para o cultivo do viño, os invernadoiros e os frutais en xeral, dentro dunha agricultura pequena e mediana.