«Sería inxusto que o Viveiro non suba»

Iván Díaz Rolle
i. díaz rolle VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

PEPA LOSADA

Pide acabar a liga ou premiar a enorme vantaxe celeste na loita polo ascenso a Terceira División

05 abr 2020 . Actualizado a las 19:13 h.

Incluso en tempos de coronavirus, a moitos lles resulta difícil non pensar que pasará co Viveiro. Tras 14 anos consecutivos en Preferente, o conxunto mariñán xa case acariñaba o ascenso a Terceira. Cando se decretou o estado de alarma avantaxaba en once puntos ao segundo (Fisterra), e en quince ao terceiro (Boiro). O seu capitán, Álex Meitín (Xove, 1994), fala dende o seu encerro e móstrase favorable a retomar a competición «cando non haxa risco». Non quere nin pensar nunha anulación do curso que estragaría o traballo de «varios anos».

-Como leva esta situación?

-Regular porque eu son unha persoa moi activa. Só saio para ir traballar [a turnos en Rodabell], aínda que ao vivir nunha casa si que me movo algo polo xardín e por aí.

-Logra manterse en forma?

-Non tanto como quixera. Sigo as rutinas que nos pasou o noso preparador físico, Bebo. Fago exercicios de forza e core.

-Se retoman a liga, estaría preparado?

-Eu penso que farán falta unhas semanas de minipretempada. Seguramente se complete no verán e serán doce partidos nos que todos os equipos se xoguen moito. Ademais os futbolistas vimos dun parón. Se non dan tempo para retomar a forma seguro que vai haber lesións porque a esixencia vai ser máxima.

-Nalgúns países decidiron anular a campaña. Temen que pase tamén en España?

-Si, en Inglaterra ou Bélxica, por exemplo, decidiron anulalas, pero a UEFA di que hai que acabalas, e polo momento as federacións española e galega teñen a mesma intención. O máis importante é que esta situación se calme, o primeiro é a saúde das persoas, pero pensando egoistamente, queremos que se retome a competición e consumar o noso ascenso.

-Tras tantos anos en Preferente, cando por fin parece que teñen o ascenso na man, dáse esta situación. Como se sinte o equipo?

-A verdade é que falei pouco cos meus compañeiros, pero, pensando só nas consecuencias deportivas, é difícil de asimilar isto. É un proxecto de varios anos. Estivemos a piques de descender, despois escapounos o ascenso por moi pouco, e este ano parecía que por fin tocaba pero...

-Cre que existe a posibilidade de subir aínda que a campaña se dea por acabada?

-A min gustaríame acabala, rematar o traballo e poder celebrar o ascenso no campo. Pero se a dan por acabada, supoño que habería ascensos e non descensos, e farían ligas máis grandes para compensar. Falo bastante con Luis (del Río), que ten comunicación case diaria coa federación, e di que priorizan rematar esta liga, aínda que teñan que buscar un formato máis curto para o ano que vén. Sería inxusto que o Viveiro non suba porque estabamos facendo unha gran tempada; houbo dificultades pero fomos sobrepoñéndonos porque temos un grupo forte e unido.

-E se idean un play-off para decidir ascensos e descensos?

-Tampouco sería xusto que coa distancia que lles metemos na liga nolo xoguemos nunha eliminatoria en igualdade de condicións cos outros equipos.

-Tamén se contemplou xogar a porta pechada.

-Non tería sentido. O fútbol é para os afeccionados. Se hai que esperar máis para volver, esperaremos, pero isto non ten sentido sen xente.

-Esta situación é complexa economicamente para moitos clubs. Pode provocar un cambio no modelo do fútbol humilde?

-Ao final o fútbol depende do que ocorre a nivel social. Nós tíñamos unha boa fonte de ingresos ao usar o campo para acampar no Resurection Fest, pero este ano aínda está por ver se o fan. Tampouco se poderán xogar partidos entre equipos de superior categoría en Cantarrana este verán. Iso vaise notar, igual que hai negocios que están pechando e non poderán seguir patrocinando equipos de fútbol. Está claro que moitos clubs terán que axustar as súas contas.

«Está claro que moitos clubs terán que axustar as súas contas cando pase esta situación»