«O primeiro é resolver a presión turística nas Catedrais»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

Crecente es coordinador del Plan Especial das Catedrais
Crecente es coordinador del Plan Especial das Catedrais

A guía que Ribadeo debate hoxe en pleno aposta por unha «intervención decidida» nesa contorna

09 jun 2020 . Actualizado a las 14:55 h.

A xoia natural, patrimonial e turística das Catedrais (Ribadeo) merece, como segundo monumento máis visitado de Galicia por detrás da catedral de Santiago, un futuro en equilibrio. Un Plan Especial de Protección que hoxe se someterá a aprobación en pleno no Concello ribadense prevé regular espazos e usos nese enclave da Mariña para que o seu imán a nivel de visitantes -agárdase bordear no 2021 a cifra do millón- non só non choque coa vida rural senón que se amortice e se transforme en economía aproveitable. Tras cinco anos de traballo, con informes favorables de 19 administracións e o visto bo previo de Concello, Deputación de Lugo e Goberno central, preséntao un equipo multidisciplinar formado por Crecente Asociados, o Ibader e Gau en Lugo. E coordinado por Mario Crecente.

-Tras gañar o concurso no 2014, con que ánimo abordaron o reto?

-É moi interesante en relación cos ámbitos cos que traballamos de patrimonio e turismo. Temos un elemento de redundante valor patrimonial porque é Rede Natura, Reserva da Biosfera e especialmente porque é Monumento Natural e dende hai tempo hai moito interese por parte dos visitantes, tan elevado que chegou a xerar situacións complexas nos últimos anos. Por iso, o das Catedrais é un exemplo magnífico de cales son os problemas e cales poden ser as oportunidades para un sitio coma este (...) O primeiro problema que hai que resolver é a presión turística, a sobrepresión turística. No ano 2016 publicamos un libro que se chamaba O turismo na praia das Catedrais, con Mónica Carballo, Rubén Santiago, Gonzalo Álvarez e eu mesmo no que faciamos unha estimación de cantos visitantes hai na praia das Catedrais e a base de contalos de forma regular, de ter datos de referencia doutros sitios, como os da Xunta e outros, fixemos unha hipótese de visitantes na que un dos escenarios posibles era que iamos chegar ás portas do ano 2021 con preto de un millón de visitantes.

-O plan prevé derrubar o actual restaurante, un novo centro de interpretación, aparcadoiros, trasladar o apeadoiro do tren...

-Isto último podería sacar partido do tren que claramente está infrautilizado. Podería facer que os visitantes se achegaran en xeral dunha maneira máis amable e sensata que a base de acumular coches. Aínda así, hai prevista unha área de aparcadoiros importante (1.300 prazas) para non ter os problemas doutros anos.

-Toca xa, logo, buscar o equilibrio entre patrimonio e turismo.

-Todo é coa idea de ordenación e equilibrio. O plan intenta sentar as bases para que despois, en intervencións sucesivas, proxectos, obras, melloras medioambientais... se chegue a ese estado e a esa infraestrutura. É importante unha intervención decidida.

«Entre outras, o plan prevé sacar partido do tren, que claramente está infrautilizado»