Valentín Insua, campaneiro recén xubilado: «As campás fixeron de min un home máis feliz tras vivir unha crise laboral»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA MONDOÑEDO / LA VOZ

MONDOÑEDO

Valentín Insua coa Paula, nunha imaxe de arquivo
Valentín Insua coa Paula, nunha imaxe de arquivo XAIME RAMALLAL

Era xa tradición familiar, que o levou a ter a catedral de Mondoñedo como a súa «gran casa»

18 dic 2025 . Actualizado a las 13:34 h.

O toque manual de campá está recoñecido pola Unesco como Patrimonio Inmaterial de la Humanidad e forma parte da identidade da Catedral de Mondoñedo, onde o campaneiro oficial ata que se xubilou como sancristán foi Valentín Insua. Daba recentemente o pregón precisamente da inauguración do belén, un papel que tamén tivo nas Quendas ou no Mercado Medieval. Como novidade, integra a directiva da nova Asociación Cultural Pedregás, que se presentará este sábado (12.00, Alcántara) no marco dunha xornada dedicada ao patrimonio cultural e natural, e á tradición campaneira, incluindo unha visita á parte final da antiga traída de auga de Pedregás e continuando pola tarde (16.30, Praza da Catedral) cun concerto de campás nun campanario móbil dispoñible para o público infantil, máis visita guiada ás campás Paula e Ronda. «Agora máis por hobbie, cando poida e se me deixan, irei tocalas pero xa hai outro sancristán. Fareino por tradición, como se fora xogar ao fútbol, ainda que xa non teño o compromiso laboral. Estaba a gusto; a catedral é a miña gran casa, da que podo dicir realmente que estou namorado. Agora necesitaba parar e tamén hai que dar paso a outras cousas e outra xente», di.

—Foi campaneiro pero non sei se tivo algún outro oficio.

—Tiña a tradición familiar de ir alí tocar as campás. Non seis os anos que estivo meu pai, pero ía practicamente por hobbie porque traballaba noutras cousas. Identifícannos como campaneiros pero na catedral entrei tamén para facer un pouco de guía, de sacristán, algo de limpeza e vixiancia. Antes estivera 28 anos traballando nunha empresa de construcción e nunha oficina de contabilidade, ata que a crise de 2008 nos deixou a todos na rúa. Foi aí cando empecei a traballar na catedral, na que encima entraba xa continuamente indo con meu pai e meus tíos, a tocar as campás. Para min foi un cambio brutal pero para mellor, loxicamente.

«Antes estivera 28 anos traballando nunha empresa de construcción e nunha oficina de contabilidade, ata que a crise de 2008 nos deixou a todos na rúa»

—Era o seu destino claramente.

—Naquela crise o estrés foi tremendo, por nerviosismo e intranquilidade. Por sorte pasei de facer do meu hobbi o traballo. Non podo dicir que me marchara porque estivera descontento, todo o contrario, senón porque tiña que retomar máis a miña vida tamén.

—As campás foron unha salvación.

—Pois si, e sen querelo. Parece que estiveron esperando por min para facer de min un home moito máis feliz do que estaba, polo tema da crise laboral. Quérolles moito polo que significan, tamén como símbolo da miña familia. Foron feitas como protección para as tormentas, para avisar dun parto con dificultade e que a nai tivera ben o fillo, lembrar as festividades, chamar aos sacerdotes ás misas, etc... Os seus sons interpretábanse antigamente como símbolos de axuda e protección.

—Eran o SMS e GPS de antes.

—Tocábase o alba ás sete da mañá, marcando o inicio do día, o ángelus ás doce do mediodía para prepararse para ir comer e o esquilón, marabilloso do que todo Mondoñedo estaba namorado, ás sete menos cuarto da tarde para chamar aos sacerdotes a cantar gregoriano, avisar de terminar de traballar e os nenos de xogar. Cando se deixou de tocar este, a xente notouno moito. Foi un símbolo moi noso.

—Adoita falar coas campás?

—Cando ía tocar, a veces dicía ‘Paula, veña, que nos toca hoxe anunciar as San Lucas’. Agora xusto baixaron a Paula e a Ronda para arranxar cepos e ferraxes, pois estaba costando darlles volta. A visita do sábado será en pequenos grupos, para que a xente vexa realmente a altura, que campanaza é Paula comparada coa outra e poder vela nun momento que para min é histórica, porque esas non se baixaran dende que se colocaron en 1885. Están sacadas do seu sitio e pousadas no chan. É a primeira vez.

—Como vai ser o concerto de campás deste sábado?

—Vaino dar o presidente da Asociación Cultural Campaneiros de Galicia, Andrés Barreiro «Andi». Ten un campanario móbil, formado por dúas campás pequenas. A nosa idea é que os nenos participen e fagan os toques que se fan na catedral de Mondoñedo. Tamén tocan jotas e muiñeiras. Pode ser unha cousa bonita, tamén para presentar a asociación que nace con ganas de facer cousas e apoiar o tema cultural e patrimonial tan grande que temos aquí, sendo un deles as campás.