Fernando Vallines: «Gustaríame ir a uns Xogos Olímpicos, pero sei que é moi difícil»
LOURENZÁ
O atleta de Lourenzá foi campión galego por sexta vez no seu salto á división sub-18, e rematou o 2020 coa mellor marca española
05 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.En toda España, ningún lanzador de menos de 16 anos apunta máis lonxe que Fernando Vallines Fernández (Lourenzá, 2005). A pasada semana en Ourense debutou na categoría sub-18 e conquistou o seu sexto título galego. Tras rematar o 2020 coa mellor marca nacional, o 14 de marzo quere referendar en Barcelona o seu nivel nun nacional indoor que se lle resistiu o pasado curso. Por empeño, non vai ser, promete a xoia do Maderas Barcia Lourenzá, que compaxina a súa meteórica carreira como atleta cos adestramentos de fútbol no Viveiro de Liga Galega cadete e os seus estudos en cuarto da ESO.
-Xa leva seis títulos galegos. Un acostúmase ou segue vivíndoos coa mesma intensidade?
-Nunca é fácil gañar un campionato galego, sempre te emocionas, pero agora gustaríame gañar un campionato de España.
-Que idade tiña cando gañou o primeiro?
-Tiña oito. Agora estou a piques de facer os 16.
-Viña de facer a mellor marca española do 2020, e agora debuta na categoría sub-18 como campión galego. Que vai ser o seguinte?
-Vou intentar clasificarme para o campionato de España e alí facer podio. O 14 de marzo en Barcelona será o nacional de pista cuberta. Espero estar alí.
-Como foi o seu 2020. Acusou a falta de competicións?
-Non puiden adestrar demasiado o lanzamento de peso, e fun a moi poucos controis de marcas. Xustamente nos confinaron cando ía competir no campionato de España de pista cuberta, para o que tiña a terceira marca e me sentía con oportunidades de gañar. Case foi un ano perdido.
-Aínda así, acabouno coa mellor marca da tempada en toda España. Que significou para vostede?
-Quedoume un sabor un pouco amargo, porque pouco antes fun ao campionato de España ao aire libre e non puiden ser máis ca octavo. Tiña moitas posibilidades ata de ser campión, pero non o fixen todo o ben que podía.
-Cantas veces adestra á semana?
-Normalmente adestro dous días á semana, os martes e xoves, con todo o equipo de atletismo no campo de Santa Cruz. E agora tamén empezo a adestrar no fútbol, que xogo no Viveiro de Liga Galega. E aparte diso tamén adestro na casa coa miña irmá Ana ás veces. Ela é moi boa mediofondista.
-Gústalles moito o deporte nesa casa, non?
-Si, si.
-Cales son os seus principais apoios?
-Meu pai, que é quen me adestra no lanzamento de peso; as miñas irmás que me animan a adestrar moito; e tamén Rubén (García), que é o adestrador, sempre está detrás, axudando.
-Seu pai tamén fixo lanzamento de peso?
-Non. El foi aprendendo vendo moitos campionatos e vídeos de adestramentos para intentar axudarme e corrixirme en todo o posible.
-Ten algún referente?
-Carlos Tobalina é un dos principais. E antes tamén Borja Vivas. Fíxome moito neles para tratar de mellorar.
-Aínda que en Lourenzá teñen unha moi boa canteira de atletismo, o lanzamento de peso non é un deporte moi popular. Que lle chamou a atención del?
-É que a primeira vez que lancei foi o día antes de ir a un campionato galego. Lanzaba moi mal, e ata me dixeran que era mellor que me desapuntase, pero eu quería ir ao campionato. E quedei cuarto. A partir de aí, fun progresando moito. Ao ano seguinte xa fun campión galego.
-Neste deporte é máis importante a técnica ou a forza?
-Tes que xuntar os dous. Eu a técnica non a podo practicar moito porque aquí non hai lugares moi axeitados para ilo, pero faise o que se pode.
-Como a traballa?
-Pois sobre todo lanzando moitas veces e comparando o movemento con outros lanzadores para ir corrixindo os detalles.
-Ten algún soño deportivo?
-Home, ir a un Europeo ou uns Xogos Olímpicos gustaríame, pero sei é moi difícil.
-Xa está afeito a representar un pobo pequeno como Lourenzá contra as grandes canteiras de España. Que significa para vostede?
-É un orgullo. Quizais non somos tan recoñecidos como os que corren, por exemplo, pero é unha sensación moi bonita, faiche sentir bo, especial.
-Seguro que no equipo o coidan moito, con tantas alegrías que lles dá. Non lle botan a caña desde outros clubs?
-Meu pai dime que estou ben aquí, que é o equipo do pobo. Algunha vez fun co Lucus a campionatos por equipos, pero estou ben aquí.
Acompañárono Manuel Rodríguez e Alberto Ratoeira
A expedición do Maderas Barcia Lourenzá no galego baixo teito de Ourense completárona Manuel Rodríguez e Alberto Ratoeira. O primeiro foi quinto en triplo salto e o seu compañeiro quinto na súa serie de 60 valos.
Vallines impúxose cun mellor lanzamento de 13,29 na súa estrea cunha pelota de cinco quilos. Samuel Freiría (Celta) acadou 12,72, e Álvaro Rey (Universidad de Santiago), 11.66.