A pesca de baixura non se goberna desde un despacho

Máximo Díaz SECRETARIO DA CONFRARÍA SANTIAGO APÓSTOLO DE CELEIRO

A MARIÑA

<span lang= gl >Particicipantes na concentración convocada este luns en Celeiro en defensa da pesca costeira de baixura e artesanal</span>
Particicipantes na concentración convocada este luns en Celeiro en defensa da pesca costeira de baixura e artesanal Pepa Losada

19 ene 2026 . Actualizado a las 19:17 h.

Desde Celeiro e desde todo o concello de Viveiro erguemos estes días a voz para defender algo que vai moito máis alá dunha actividade económica. Defendemos unha forma de vida, unha cultura mariñeira centenaria e o futuro de centos de familias que dependen directamente da pesca costeira de baixura e artesanal.

A recente aplicación do Regulamento (UE) 2023/2842, coñecido como Regulamento de Control, fixo saltar todas as alarmas no sector. Non falamos de pequenas adaptacións nin de melloras asumibles, senón dunha batería de obrigas que, tal e como están formuladas, supoñen unha ameaza real e directa para a supervivencia da frota de baixura en todo o litoral galego e español.

Unhas normas afastadas da realidade do mar

Entre as medidas máis lesivas destacan dúas: a obriga de comunicar con catro horas de antelación a chegada ao porto,e o rexistro de todas as capturas desde o primeiro quilogramo, eliminando a exención actual dos 50 quilos. 

Para quen coñece o día a día da pesca artesanal, estas esixencias resultan sinxelamente inasumibles.

Falamos de embarcacións de pequeno porte, con mareas curtas, capturas variables e descargas múltiples, nas que se traballa con diversidade de especies e volumes reducidos. Falamos tamén dun medio, o mar, sometido a condicións meteorolóxicas cambiantes que fan imposible planificar con precisión a hora exacta de chegada a porto. Pretender aplicar a este segmento da frota os mesmos criterios ca á gran frota industrial non só é inxusto, senón profundamente erróneo; dito doutro xeito, un disparate.

Esta normativa non mellora o control nin reforza a sustentabilidade. Pola contra, incrementa a carga burocrática, eleva os custos, xera inseguridade jurídica, problemas en materia de Seguridade, e empurra a moitos profesionais ao abandono da actividade.

Leis feitas desde os despachos, non desde o mar

O problema de fondo é coñecido: demasiadas veces, a lexislación pesqueira europea elabórase desde unha visión teórica, afastada da realidade diaria do sector. Descoñécese o oficio, o medio mariño e as limitacións reais das embarcacións costeiras que faenan a diario ao longo do noso extenso litoral.

Esta desconexión entre os despachos e o mar provoca normas ríxidas, pouco realistas e desproporcionadas, que xeran frustración e desconfianza nun sector que xa vive sometido a unha presión constante. Non se pode lexislar de costas aos pescadores nin criminalizar a quen leva xeracións traballando con respecto polo medio mariño.

Un risco real de desaparición

Se este regulamento se mantén tal e como está formulado, as consecuencias serán devastadoras: a desaparición progresiva da frota de baixura e artesanal, a perda de emprego directo e indirecto nas zonas costeiras, o empobrecemento económico e social do litoral e a ruptura do relevo xeracional, xunto coa perda dun coñecemento tradicional transmitido durante séculos.

Cómpre dicilo con claridade: a pesca de baixura non é o problema. É unha parte esencial da solución para un modelo pesqueiro sostible, selectivo e respectuoso co medio mariño.

Un sector estratéxico para o territorio

A pesca artesanal garante produto fresco, de proximidade e de alta calidade. Fixa poboación no territorio, mantén viva a identidade mariñeira dos nosos pobos e actúa como motor económico en comarcas onde apenas existen alternativas laborais. Defender a pesca de baixura é defender a soberanía alimentaria, a cohesión territorial e unha verdadeira economía azul sostible, esa mesma que Europa di querer promover. 

Unidade e diálogo real

Agora máis ca nunca é imprescindible a unidade do sector, articulada a través das confrarías de pescadores e das súas federacións. Estas entidades representan lexitimamente aos profesionais do mar e deben ser escoitadas en calquera proceso normativo que afecte ao seu futuro. As decisións deben tomarse cos pescadores, non contra eles.

Un chamamento ao Goberno de España

Por todo o exposto, reclamamos ao Goberno de España, como Estado membro da Unión Europea, un apoio firme e claro para defender en Bruxelas unha adaptación realista do Regulamento de Control, excluíndo á pesca costeira de baixura e artesanal de obrigas desproporcionadas e inviables, e garantindo a continuidade dun sector estratéxico. É o momento da excepcionalidade para este segmento de flota, é a hora dun cambio lexislativo  na norma, que é lesiva para o sector, é non sirven excusas.

O Goberno debe estar ao lado de quen cada día sae ao mar con esforzo, responsabilidade e compromiso coa sustentabilidade. Agardamos que o diálogo aberto coa Secretaría Xeral de Pesca Marítima dea froitos. De non ser así, o conflito prolongarase no tempo, e iso non é bo para ninguén.

Un futuro que se defende unidos

Na movilización de Celeiro verse que a pesca interesa a ciudadanía… e iso  é de agradecer porque todo los que participaron entienden  que sen mariñeiros non hai peixe nin futuro. A pesca de baixura non se rende, deféndese. Porque o mar non se goberna desde un despacho e porque, sen pesca artesanal, non hai costa viva.

Europa debe escoitar: o mar tamén fala.

Salvemos a pesca costeira de baixura! O futuro e continuidade da flota está en xogo!