O Barrio dos Muíños e Confitería La Alianza, premiados pola súa decoración de Nadal en Mondoñedo

La Voz

A MARIÑA

Barrio dos Muíños
Barrio dos Muíños ASOCIACIÓN BARRIO DOS MUÍÑOS

Tamén houbo premios para vivendas individuais e parroquias

11 ene 2026 . Actualizado a las 22:46 h.

O Barrio dos Muíños e Confitería La Alianza foron premiados pola súa decoración de Nadal en Mondoñedo. Houbo máis premiados neste certame: Na Modalidade Individual para casas particulares, dotado de 100 euros, foi premiado Jesús Basanta Villalba, polo seu decorado na vivenda situada en Grove, 15, na parroquia de Vilamor. Na Modalidade Individual para negocios (comercios, bares, oficinas, etc), dotado de 100 euros, o premio foi para Confitería La Alianza polo seu decorado do escaparate. Na Modalidade Colectiva no Casco Urbano, o premio foi para o Barrio dos Muíños, dotado de 200 euros, polo seu decorado que consegue salientar moi axeitadamente o rico patrimonio cultural deste entorno.

O xurado tamén acordou conceder o premio na Modalidade Colectiva no Rural, dotado de 200 euros, ao barrio de Xersido, na parroquia de Oirán, pola súa decoración. A maiores, consideraron conceder dúas mencións especiais á Tenda de Neves na modalidade de negocios, e á decoración da casa dos Muíños de Arriba, 35, na modalidade de particulares.

O xurado do VII Concurso de Decoración de Nadal, convocado polo Concello de Mondoñedo a través da súa Concellería de Cultura, deu a coñecer este sábado 10 de xaneiro o fallo do certame, logo de avaliar na primeira semana deste ano as candidaturas presentadas conforme ás bases reguladoras publicadas na web municipal.

Este concurso ten como obxectivo, tal como explican, fomentar o espírito do Nadal e a participación cidadá na ornamentación de espazos do municipio, dando protagonismo aos veciños, veciñas e colectivos locais. A iniciativa promove a implicación activa da cidadanía na creación dun ambiente festivo, acolledor e respectuoso co entorno histórico e patrimonial de Mondoñedo, localidade integrada na rede de Pueblos Más Bonitos de España.

«Con esta proposta búscase que rueiros, prazas, fachadas e parroquias luzan a súa mellor imaxe durante as datas do Nadal, contribuíndo á dinamización da vida social, cultural e turística do municipio», conclúen dende o concello.