«O fútbol é unha desculpa fantástica para viaxar: da Mariña a Bucarest e de aí a Razgrad, en Bulgaria, co Celta»

M. Albo

A MARIÑA

CEDIDA

Crónica da viaxe de aficionados mariñáns das peñas celtistas de Burela e Viveiro que apoiaron ao equipo vigués fronte ao Ludogorets

28 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O fútbol é unha desculpa fantástica para, entre outras moitas cousas, viaxar e coñecer lugares novos. Acostumados a seguir ao Celta por diferentes puntos da xeografía española, a clasificación para unha competición europea é unha grandísima oportunidade para ir máis alá, visitar países novos e empaparse doutras culturas. No noso caso, tendo en conta que ás veces que o equipo xoga en Europa son contadas, non podíamos deixar pasar a oportunidade e, desde o mesmo día que se pechou a clasificación, tíñamos claro que había que facer algunha viaxe acompañando aos rapaces de Claudio Giráldez.

A finais de agosto desvelouse a folla de ruta do Celta na Europa League e aí foi o momento de empezar a buscar alternativas e escoller algún destino. Non nolo puxeron doado porque fóra da casa tocaron equipos de Stuttgart (Alemania), Zagreb (Croacia), Razgrad (Bulgaria) e Belgrado (Serbia). A situación da Mariña xa é sempre un pequeno hándicap para desprazarse ao estranxeiro e neste caso a loxística complicábase pola dificultade para chegar desde Galicia a eses lugares. Para Stuttgart había menos dun mes para organizarse, aínda que os irmáns Xurxo e Javi Rodríguez, Celes, estiveron representando á Peña Celtista de Burela. E no resto de opcións as escalas eran case obrigadas, pero vemos que Razgrad estaba a unhas dúas horas en coche de Bucarest e había un voo directo desde Santander á capital romanesa, así que non o pensamos e armamos viaxe para plantarnos dous de Cervo, dous de Viveiro e un colega vigués -un bico desde aqui para Miriam, que foi baixa de última hora- en Bucarest. A Peña Celtista de Burela de novo representada e neste caso tamén a Peña Celtista Viveiro Celeste.

Dicía ao comezo que o fútbol era unha gran desculpa para coñecer novos lugares. No noso caso visitamos dúas cidades búlgaras -Ruse e Razgrad- que ata hai unhas semanas nin sabíamos da súa existencia e coñecimos a fondo Bucarest, unha das capitais europeas que, creo, non está habitualmente entre as opcións máis demandadas polos galegos á hora de viaxar. Unha experiencia ata o momento moi enriquecedora.

Por certo, o Celta ao final perdeu co Ludogorets (3-2), pero a clasificación para as eliminatorias está encamiñada e ao mellor hai que ir reservando datas para armar outra escapadiña cara a primavera. É o que ten ser fillos dunha paixón, de afouteza e corazón!