Socialistas mariñanos: «Lamentamos que A Mariña quede fóra das 4.000 vivendas públicas da Xunta para o 2026»

La Voz

A MARIÑA

Alcaldes e alcaldesas do PSOE sinalan que a comarca «necesita infraestruturas, industria, vivendas e unha sanidade forte»

20 nov 2025 . Actualizado a las 18:30 h.

Os representantes socialistas na Mariña, entre os que estaban alcaldes e alcaldesas, celebraron unha reunión conxunta para analizar as necesidades da comarca. «No encontro volveron situarse como prioritarios os graves déficits estruturais do territorio, especialmente a falta de infraestruturas e de vías de comunicación axeitadas, tamén a falla de vivenda pública e o déficit na sanidade», sinalan.

Os socialistas alertan de que «esta realidade está a provocar unha maior debilidade do tecido industrial, xa que a comarca segue sen contar cunha base sólida de comunicación e investimento, o que obriga a moitas empresas a marchar pola falta de apoio e planificación da Xunta».

Outro aspecto que preocupa ao PSdeG-PSOE, tal como manifestan no seu comunicado de prensa, «é a crítica situación da sanidade pública. As agrupacións denunciaron as carencias existentes en todos os centros de saúde e especialmente no Hospital da Mariña, onde a falta de profesionais e a perda de servizos están a afectar directamente na calidade asistencial da veciñanza».

«A Mariña queda fóra das 4.000 vivendas públicas anunciadas por Rueda»

«A vivenda foi o asunto que xerou maior preocupación nesta xuntanza -explican-, tras o anuncio do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre a construción de 4.000 vivendas públicas en Galicia en 2026. Expresamos a nosa fonda preocupación ao comprobar que ningunha delas está prevista para a Mariña, malia tratarse dunha zona cunha demanda crecente e con listas cada vez máis amplas de solicitantes de vivenda pública. Consideramos que esta exclusión é incomprensible e profundamente inxusta», din.

Neste sentido, o PSdeG-PSOE «esixe á Xunta que rectifique e incorpore á Mariña na planificación de vivenda pública prevista para 2026, acompañando esta decisión dun diagnóstico serio e rigoroso sobre a demanda real existente. Reclamamos tamén unha colaboración efectiva cos concellos para dispoñer de solo e proxectos que permitan dar resposta as necesidades da poboación, así como un compromiso firme coa reactivación industrial e coa mellora das infraestruturas, elementos imprescindibles para fixar poboación e garantir futuro».

“A Mariña necesita infraestruturas, industria e vivenda, e unha sanidade pública forte