Preto de mil pequenos negocios da provincia de Lugo, 300 na Mariña, súmanse á campaña do Bono Activa Comercio

La Voz

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Javier Arias, delegado territorial da Xunta, visitou varios comercios entre eles algúns de Viveiro como Cocolate e Óscar Joyeros

06 nov 2025 . Actualizado a las 16:36 h.

A Xunta incentiva as vendas no comercio local da provincia de Lugo coa posta en marcha da segunda edición dos bonos Activa Comercio en 2025, que se poden descargar desde onte mércores. O número de establecementos lucenses adheridos rolda o milleiro, dos que máis de 300 están na capital e outros 300 na Mariña. O delegado territorial, Javier Arias, visitou esta mañá algún deses negocios: o salón de peiteado Xenes e Bebé Ratón, en Lugo, así como Cocolate e Óscar Joyeros, en Viveiro.

Durante as visitas Javier Arias destacou a gran acollida que está a rexistrar a campaña e explicou que só durante a primeira xornada, trocáronse na provincia máis de 170.000 euros en descontos, cunha mobilización total de vendas de arredor de 769.000 euros. Na xornada do seu lanzamento, en toda Galicia descargáronse -avanzou- arredor de 162.000 bonos e mobilizáronse vendas por valor superior aos 5,7 millóns de euros nos preto de 7.300 negocios adheridos. Arias lembrou que «o obxectivo é incentivar a demanda e atraer nova clientela ao sector».

Lembrou ademais que, «como novidade, os locais non teñen que adherirse de novo para participar na iniciativa senón que segue vixente a adhesión da primeira edición para gañar en axilidade. En todo caso, se algún comercio desexa sumarse ten de prazo ata o 15 de decembro ou ata que remate o crédito dispoñible».

Cada bono ofrece un desconto de 30 euros que pode empregarse directamente na adquisición de produtos ou servizos nos comercios adheridos. As persoas consumidoras interesadas poden descargalos desde a web www.bonosactivacomercio.gal e canxealos nos establecementos mediante o seu formato dixital QR. O importe irase reducindo en función do valor da compra.

En canto á contía da rebaixa, será de 5 euros para as compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30; e de 10 euros para as adquisicións iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.