O BNG de Viveiro presenta unha moción para instar á Xunta a ampliar o orzamento para retomar a VAC Costa Norte no 2026

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

<span lang= gl >O único proxecto de infraestruturas que se está executando actualmente é a mellora da LU-540 (en imaxe, pintado de líneas), segundo destaca o BNG</span>
O único proxecto de infraestruturas que se está executando actualmente é a mellora da LU-540 (en imaxe, pintado de líneas), segundo destaca o BNG XAIME F. RAMALLAL

Os nacionalistas cren que os 4 millóns consignados irán parar á mellora da LU-540, o único proxecto que se está executando

03 nov 2025 . Actualizado a las 18:31 h.

O grupo municipal do BNG de Viveiro presentará no pleno deste mércores, 5 de novembro, unha moción para instar á Xunta a ampliar a dotación orzamentaria prevista para o 2026 co obxectivo de retomar a VAC (Vía de Alta Capacidade) Costa Norte. Nunha nota de prensa, os nacionalistas recordan que no 2001 o PP anunciou a construción da VAC Ferrol-San Cibrao, «asegurando que este corredor estaría finalizado en 2007». Case 25 anos despois, din, «a realidade é que dos máis de 80 quilómetros proxectados nesta VAC soamente puidemos ver construídos 15 que foron licitados polo goberno bipartito. Unha cifra que supón que, de seguir a este ritmo, os e as mariñás teriamos que agardar máis de 130 anos para ver rematada esta vía, xa que a media anual sería de apenas 650 metros por ano».

«Porén, para entender as razóns deste atraso cada vez máis inexplicable temos que irnos ata o ano 2000. Neste ano, diferentes organizacións políticas e sindicais manifestábanse na Mariña e en Ferrol pola decisión do Partido Popular de que a Autovía do Cantábrico deixase o seu percorrido natural polo Cantábrico e se desviase pola Terra Chá. Tras esta decisión tan controvertida, que non respondeu a ningún tipo de razón empresarial, de transporte ou xeográfica, e despois de 25 anos agardando, a veciñanza da Mariña volveu ver como de novo os orzamentos da Xunta de Galiza non consignan as cantidades necesarias para poñer en marcha a construción da Vía de Alta Capacidade. Para o 2026, están orzamentados 4 millóns de euros nunha partida misturada coas obras da LU-540, estrada que xa require da práctica totalidade do orzamento. Polo tanto, non é só que non teñamos avances na VAC, senón que hai un intento de ocultación e de desviar a atención do manifestado meses atrás, logo de reunións entre o goberno municipal e o galego», engaden desde o BNG. 

Por todo o anterior, o BNG insta a Xunta a consignar «as partidas necesarias» nos orzamentos do próximo ano para retomar a construción da Vía de Alta Capacidade Costa Norte. Sinalan que o pacto asinado para a moción de censura entre PP e Por Viveiro incluíu asinada a licitación da variante Area-Arredoada no 2025, e que desde o 2021 a Xunta leva consignando cantidades para a VAC sen que se liciten tramos. Tamén que a única obra que hai en marcha é a mellora da estrada de Cabreiros (LU-540). Consideran que os catro millóns consignados irán parar a esa actuación.