A Xunta prohibe desde este martes, 27 de maio, as queimas agrícolas e forestais de particulares
A MARIÑA
Implica que non se darán máis permisos e os concedidos a partir desa data non terán validez
26 may 2025 . Actualizado a las 14:29 h.Desde este martes, 27 de maio, e ata novo aviso, quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia. Segundo informan desde a Consellería do Medio Rural, isto implica que non se darán máis permisos e os xa concedidos non terán validez a partir do martes. Quedan excluídas desta prohibición as queimas controladas que exectua o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais debidamente planificadas e dispñendo dos medios de extinción precisos.
Esta medida tomouse despois de avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúido os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume, sinalan desde o departamento autonómico. Recordan que a o Decreto 105/2006 regula as medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais.
Ademais, a Consellería de Medio Rural pide de novo a colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delictiva incendiaria da que teña coñecemento, dado que desde o martes e ata novo aviso non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal por parte dos particulares. A maiores, Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ó que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.