Vicepresidencia da Deputación ofrece dúas residencias para escritores e escritoras da provincia en Polonia e Islandia en agosto

La Voz

A MARIÑA

ALBERTO LÓPEZ

A iniciativa tamén inclúe a traductores e traductoras

04 may 2025 . Actualizado a las 13:31 h.

A Vicepresidencia da Deputacion de Lugo ofrece dúas residencias para autores/as e tradutores literarios da provincia en centros de Polonia e Islandia. As bolsas incluirán traslado e manutención para pasar o mes de agosto traballando en calmos contornos rurais e a salvo das obrigas e distraccións cotiás.

As dúas residencias organízanse en colaboración coa Residencia Literaria 1863 que dirixe a Premio Nacional de Poesía Yolanda Castaño. A deputada de Cultura Iria Castro presentou a iniciativa acompañada da escritora Yolanda Castaño, que dirixe a convocatoria.

Ambas valoraron a proposta como un apoio á creación e á tradución literaria en galego, que ofrece a autorxs e tradutorxs unhas condicións de excelencia para o desenvolvemento do seu traballo: un tempo, un espazo, un contexto e unhas condicións ideais para a enteira dedicación ao seu propio proxecto de escrita creativa ou tradución literaria.

As Residencias para Tradutores/as e Autores/as Literarios/as da provincia de Lugo consistirán en dúas bolsas de traslado, manutención e un mes de estadía en residencias situadas na aldea de Krzywogoniec (norte de Polonia) e ao pé do lago Laugarvatn (no suroeste de Islandia). A elección dos destinos responde a vontade de aumentar e enriquecer o perfil internacional dos e das escritoras e tradutoras luguesas, conectándoas, neste caso, con outras áreas rurais europeas.

Destinadas a pasar este vindeiro mes de agosto de 2025 en residencia, diríxense a escritores/as en galego con ao menos un libro publicado, así como tradutores/as con demostrada experiencia na tradución de literatura, en ambos casos nados/as e/ou residentes na provincia luguesa.