Altri fixo todo o posible por instalarse na Mariña

A. S.

A MARIÑA

16 mar 2025 . Actualizado a las 21:44 h.

En abril do 2022 desde Altri recoñecían através dunha nota informativa que «fixeran todo o posible» por instalarse na Mariña luguesa. Na multinacional portuguesa tiñan elixido inicialmente a costa de Lugo para asentar a fábrica de celulosa entre 46 posibles ubicacións, pero finalmente os enxeñeiros concluíron que« tecnicamente» era imposible; na Mariña non había recurso hídrico abondo para tal proxecto.

Entón na Mariña moitos alcaldes/as non vían con malos ollos esta nova instalación. Ata houbo queixas cando se soubo que Altri non ía instalarse na costa. Hai que ter en conta que por aquel tempo comezara xa a crise de Alcoa e había medo de que a multinacional do aluminio acabase pechando; de feito, aínda hoxe estamos nesas, coma mesma incertidume. Segue sen producir aluminio, aínda que hai confianza en que recupere a produción en outubro: ese, polo menos, é o plan, pero con moitas dúbidas aínda.

Iso que na costa de Lugo temos outra celulosa de preto, a de Ence en Navia. Para calmar os ánimos -porque había ata disputas no Parlamento- desde o PP intentaron que a celulosa de Altri se instalase polo menos na mesma provincia de Lugo. Ata os empresarios do Bierzo vían con envexa coma o proxecto de Altri quedaba nesta provincia. Os produtores de madeira quedaban así satisfeitos, vían e ven unha oportunidade. 

Pero desde a pandemia cambiaron algunhas cousas, o turismo -por exemplo- experimentou un auxe enorme, insospeitado. A Mariña luguesa ata foi nomeada destino preferido de praia no verán en España por unha revista de referencia coma National Geographic. O número de prazas en pisos e vivendas turísticas triplica ás prazas hoteleiras. O turismo sostible e de natureza é agora na costa de Lugo, quere selo, a primeira opción. A concienciación polo medio ambiente viuse reforzada. Aquí xa ninguén se lembra de Altri. É incríble o que poden mudar as cousas nuns poucos anos. Aquí confiamos en que Alcoa teña futuro e os máis de mil empregados que traballan na fábrica tamén, e os case 700-900 que se ocupan nas empresas auxiliares, nese cinturón industrial arredor de Alcoa. Con iso temos abondo e co turismo, que cada verán que pasa gaña máis peso, tamén o de natureza, e coa pesca e coa madeira e as renovables (que se están a situar como primeiras empresas no ránking de firmas na zona).  Somos unha costa privilexiada, con mar, montaña, ríos e terras ricas en minerais industriais. Ata hai comunidades de montes con afán de experimentar neste último tempo e deixan zonas para cambiaren eucaliptos por kiwis, arandos ou outras froitas que van adquirindo máis valor.