Burela ten lista para este sábado unha gran festa de disfraces de Entroido desde a medianoite ata as 5.30 da mañá con orquestra e dj

La Voz

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Será nunha carpa habilitada na Praza do Concello e comezará ás 00.30 horas

01 mar 2025 . Actualizado a las 18:21 h.

Este sábado pola noite e de madrugada haberá una gran festa-baile de disfraces na Praza do Concello en Burela con música en directo e dj desde as 00.30 ás 05.30 horas, xestionada por socios de ACIA Burela. Aos actos do sábado seguiranlle os deste domingo, día do desfile. Este sairá ás 17.00 horas desde a Rúa do Ril.

Os participantes no desfile irán camiñando e animando as rúas ata chegar á Praza do Concello. As persoas que queiran participar poden anotarse na Casa da Xuventude e no local de Ledicia antes do desfile. Entre os mellores disfraces repartiranse 4.000 euros en premios, distribuidos en oito categorías. Ao rematar o desfile haberá música de dj e chocolatada.

O luns 3 volverán as actividades infantís, cun obradoiro de cociña desde as 16.30 ás 20.00 horas. E o martes 4 será o Día do Neno. Poderán desfrutar durante toda a tarde, desde as 16.30 ás 21.00 horas, dos inchables e doutros xogos asi como da música, dun desfile e de premios na Praza do Concello. O programa do Entroido completarase co Enterro da Sardiña, previsto para o mércores 5 a partir das 20.00 horas desde O Poeta ata a praia do Penoural.

A rexedora de Burela, Carmela López, considera que o Entroido é unha festa que destaca pola creatividade e a participación de persoas de todas as idades: «Sempre é un orgullo ver que os máis pequenos, a mocidade e a xente maior se unen para este tipo de festa».