“...Son mis amigos, en la calle pasábamos las horas...” reza a canción de Amaral. Unha frase que é un gran resumo da nosa adolescencia. Amizades que se foron forxando, unhas desde os seis aniños no Grupo ou nas Monxas e outras xa no instituto, e que, calquera delas, continúa a día de hoxe.
Nós pasabamos as horas no patio de columnas, nos xardíns, nas pistas, no Mirador... Agardabamos a fin de semana para apurar as súas horas no Colón, no Ribanzo, no Pasillo..., os nosos lugares de encontro e de referencia. Non había móbiles e tampouco precisabamos deles para atoparnos, desfrutar do noso lecer e saber onde encontrar a cadaquén.Todo ficaba arranxado o venres pola tarde. Era o momento de dalo todo, desfrutar e cargar a batería -senon descargala- para a seguinte semana!
O luns tocaba volver ao instituto e retomar, con ansia ou sen ela, as horas lectivas. Moitas veces, ou todas, non era doado aturar unha primeira hora de Física e Química, pero sobrelevábamola ollando para o reloxio e descontando o tempo para o recreo; e aquelas calorosas tardes de maio, co sol atravesando os cristais, facían que as clases de Filosofía fosen máis morriñentas do que xa de por sí o eran...
Agora, xa homes e mulleres, pais e nais algúns, novamente celebramos a nosa terceira xuntanza. Un costume que iniciabamos o ano no que todas e todos celebrabamos a nosa quincuaxésima volta ao sol.
Agardo que este hábito non se perda e, polo menos, unha vez ao ano nos reunamos para celebrar, compartir, recordar,..., e volvamos a ser aqueles mozos e mozas sen preocupacións nin laia algunha máis ca estudar e divertirnos.
Que os anos pasaron por riba de nós e agora somos persoas con responsabilidades e inquedanzas. Permitámonos, por unhas horas, desprendernos de todas as nosas obrigas e mergullarnos na nosa particular burbulla de satisfacción e recordos!!
“- O mellor será que bailemos.
- E que nos xulguen por tolos, Sr. Coello?
- Vostede coñece cordos felices?
- Ten razón, bailemos! ”
Hoxe, coma se dun luns a primeira hora se tratase, ollamos o reloxio no noso pulso e descontamos o tempo para celebrar a cuarta xuntanza.
Que os que non puideron vir poidan facelo na vindeira, e un recordo, verdadeiramente sentido, para os que xa non están. Brindamos por eles!
Quedades emprazados e emprazadas para a reunión de 2025!
Foi un pracer compartir con vós, amigos e amigas. E lembrade sempre: BAILEMOS!!