Comezo a presente coa intención de unirme ó aluvión de recoñecementos públicos que estes días recaen na persoa de D. Carlos Fernández Fraga con motivo do seu último día de traballo. Debería de ser sinxelo expresar por escrito calquer agradecemento sincero, pero cando este agradecemento é a Don Carlos, que foi como sempre lle chamamos, describir en verbas o profundo respecto e cariño que lle profesamos convértese nunha tarefa complicada.
Unha persoa que formou parte das nosas vidas dende que teño coñecemento, coa que non compartimos demasiados momentos bos, pero que non faltou en ningún dos peores.
Entre os meus recordos sempre estarán o Busito e mailo Rei, as parrafadas co avó mentres fumaban un pitillo, ou dous se lle cadraba, na mesa da cociña, e ese abrazo sentido na praza do concello.
De principios inquebrantables, coherente e cunha dedicación absoluta a súa profesión, sempre atopas nel ese xesto amable, esas palabras tranquilizadoras, esa empatía que tan pouco abunda... En resume, esa aura que o envolve e o converte nun médico tan especial.
A maneira que ten de entender a menciña levouno a deixar fondas pegadas aló onde foi. Coa súa xubilación a sanidade pública da Mariña perde un dos seus referentes e os seus cidadáns, un doutor irremplazable.
Gostaríanos desexarlle nesta nova etapa que comeza a mellor das sortes a vostede e á súa familia, xa que si esta se reparte por meritocracia, ten garantizada una boa dose.
Xeracións da nosa familia agradecéronlle, agradécenlle e seguirán a agradecerlle todo o que leva feito por nós, a historia da nosa casa contaríase de xeito distinto de non contar coa súa figura, polo que unha vez máis nos gustaría dicirlle, GRAZAS.