Fillos predilectos

Inés López Couto SEGUNDA TENENTE DE ALCALDE DO CONCELLO DE FOZ

A MARIÑA

13 ene 2022 . Actualizado a las 16:02 h.

A fama dun personaxe pode ser un reclamo e funcionar como atraente de masas. Isto pode ser un magnífico medio de difusión de mensaxes pero tamén pode producir enormes problemas cando se fai un mal uso desta, de forma egoísta e sementando información falsa.

Actualmente temos dous casos de figuras que están provocando polémica por causas completamente diferentes, pero cun problema de fondo exactamente igual, o uso político de mensaxes aproveitando a fama do aludido. Refírome á polvareda levantada usando o nome de Almudena Grandes e á xerada polo entorno e o propio Novak Djokovic.

No caso da escritora recentemente falecida, fai uns días liamos en diarios nacionais o seguinte titular “Almudena Grandes no merece ser Hija Predilecta de Madrid pero ya tengo los Presupuestos” (Sr. Almeida, alcalde de Madrid). Para alguén que compatibiliza o traballo na facenda e na vida cultural municipal coma min, paréceme, por ser suave, de moi mal gusto. Certo é, que este debate carece de senso. Sería o equivalente a mesturar churras con merinas, xa que, a cultura non debería estar rifada

coa aprobación duns orzamentos, e menos neste caso, no que obviamente non vai condicionar a estabilidade orzamentaria municipal. Pero o Sr. Almeida decidiu botar barro sobre este recoñecemento que a oposición tivo que ligar á aprobación das contas municipais xa que, como indicabamos un pouco máis arriba, para o Sr. Almeida a gran obra creada por Grandes é insuficiente para que o seu pobo a recoñeza.

Señor Almeida, “Una ciudad puede ser algo más que un conjunto de calles con casas donde vive la gente.” (A. Grandes, Corazón Helado), aplíqueo, porque Madrid é máis ca iso e existe o perigo de que a convertan nun páramo. O tema do tenista comeza a rozar xa o esperpento. Dicía Jean-Paul Sartre “a miña liberdade remata onde comeza a dos demais” e Novak aquí pretende impoñer a súa liberdade fronte á dos demais, afectándoos cos seus actos. Con isto refírome á decisión de non vacinarse e usando a súa condición de referente tenístico impoñer aos demais á posibilidade de enfermar debido á súa irresponsabilidade coa colectividade.

Ao igual que para viaxar a países con certas enfermidades é necesario ter unha vacinación específica, Australia aplica lexislación específica no caso da recente pandemia do coronavirus. Utilizando o seu magnífico traballo coma tenista tenta, a través da opinión pública e enfrontando diplomaticamente a dous países, forzar que se lle autorice impoñer a súa liberdade á da maioría, so por ser quen é.

Hoxe finalmente un xuíz decidiu devolverlle a Djokovic o seu visado. A burocracia foi máis lenta que a realidade, coma habitualmente. Parece que a irresponsabilidade, neste caso e polo momento, gaña punto de set.

Veremos como acaba o partido.

A unha non á queren recoñecer coma filla predilecta a pesar dos seus logros e o outro quere impoñerse como tal grazas a eles. “Quizais sexa a propia simplicidade do asunto o que nos conduce ao erro” (E.A.Poe).

Créanme, a cultura sempre debe acompañarnos.

Inés López Couto, segunda tenente de alcalde do Concello de Foz.