A clasificación non significa nada

Andrés Bouza QUE PASARÁ COAS LIGAS?

A MARIÑA

"Resúmese todo cunha frase que me dixo un bo amigo esta semana: «A xente máis insolidaria do país está no mundo do fútbol». Sinceramente quizais teña razón", dice el entrenador del Sporting Pontenova, Andrés Bouza

21 abr 2020 . Actualizado a las 19:09 h.

Amin o que me gusta é o campo, o día a día, adestrar, romper os cornos para buscar solucións cando non saen as cousas... e todo isto, para que? Pois para que cando todo estea ben traballado sentir unha grande satisfacción polo traballo ben feito. E este virus é o que nos quitou. Os nenos que levo adestrando desde que tiñan 14 anos levan sufrido moito dende que empezaron, en xuvenís e no salto a categoría autonómica, e en vez de renderse sempre me seguiron sen dubidar cando lles dicía que o traballo sempre dá froitos. E cando ves que os nenos evolucionan e comezan a aparecer ese froitos, en definitiva, cando os nenos comezan a gozar no campo, aparece unha pandemia coma esta e impídenos gozar de todo isto.

A clasificación, comparándoa con ir un domingo ao campo e ver como xoga ao fútbol este equipo, como goza a xente co equipo da súa vila, non significa nada. A todos nos gusta gañar, pero para min é unha consecuencia do traballo ben feito. Sempre me ensinaron dende pequeno que do que un ten que estar orgulloso é do traballo que fixo, e non das repercusións dese traballo. E eu, pase o que pase, xa lle fixen chegar aos meus xogadores esta reflexión. O noso traballo, a nosa evolución (tres vitorias moi contundentes nos tres últimos encontros, 6-1, 2-6 e 7-0) está aí, e se non se parase a competición eu teño moi claro o que pasaría.

Teño grandes amigos no mundo do fútbol, algún en postos importantes de responsabilidade, e falas e comentas cousas, pero o que si lles podo dicir é que co está pasando ninguén o ten que pasar mal por un deporte que amamos. E hai xente que si o está pasando mal polo egoísmo, por envexas e intereses de certas persoas que se dedican a meter presión para que se tome unha decisión ou outra. Resúmese todo cunha frase que me dixo un bo amigo esta semana: «A xente máis insolidaria do país está no mundo do fútbol». Sinceramente quizais teña razón. Actualmente estanse a tomar numerosas decisións en tódolos ámbitos, decisións que unhas veces comparto e outras non, pero penso que está na educación e o civismo respectalas e acatalas como persoas. Por todo isto, quero comunicar que, pola miña parte e a do Sporting Pontenova, en nome de quen subscribo estas verbas, respectamos, acatamos e aceptamos calquera decisión que tome a federación para resolver esta situación que nos tocou vivir.