«Impartirémoslles aos nenos laboratorios creativos vinculados ao mar, á paisaxe...»

María Cuadrado Fernández
maría cuadrado BARREIROS / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

Dourado garante desde Barreiros un verán cultural con poesía, música e pintura

30 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá, 1 de xullo, abrirá as súas portas O Eido Dourado, un espazo dedicado á arte xunto á praia das Pasadas (Barreiros). Arrinca a súa novena tempada con obradoiros creativos, con concertos, con recitais de poesía e cunha exposición renovada de pintura do seu creador, Celso Dourado, alma máter deste espazo que abrirá ata o 31 de agosto, de martes a domingo, de 11.30 a 13.30 e de 18 a 21 horas, menos os domingos, días de concertos, nos que a xornada se alonga.

-Este ano danlle especial protagonismo aos talleres creativos...

-Empezamos o ano pasado cuns laboratorios creativos sobre a arte e observamos que funcionaban moi ben. Están conducidos por Lucía Vila, licenciada en Belas Artes e Historia da Arte. Dentro do espazo O Eido Dourado observamos a eses nenos copiando a miña obra, debuxando aquilo que vían ao seu arredor... era moi diferente ao que estaban acostumados a facer nunha clase normal de debuxo. Iso animounos moito e este ano, con máis forzas, imos seguir. Impartirémoslles aos nenos laboratorios creativos vinculados ao mar, á paisaxe, ao espazo que os rodea...

-E continúan tamén co ciclo Sons ao solpor...

-Os domingos, coa caída do sol, faranse durante os meses de xullo e agosto os concertos no Eido. É unha maneira de pór en valor os xardíns cunha determinada iluminación e sérvenos para presentar proxectos musicais máis ou menos novos con outros que xa levan un tempo. Outra parte dos concertos faranse nas terrazas do cámping Gaivota.

-¿Pode desvelar o nome dalgúns dos grupos que actuarán?

-Entre as propostas novidosas está Gelria. Déronse un poco a coñecer musicando poemas de Carlos Casares. A rapaza ten unha voz tremendamente especial. Puxéronse en contacto comigo para presentar o seu traballo, cousa que a min me agradou moito. Outra proposta é o grupo Xógara, creado en Inglaterra por un músico de Foz que vive alá. Fusionan ritmos propios ingleses con ritmos galegos. Tamén se vai presentar aquí por primeira vez, a voz de Iria Lis, e tamén teremos a Odaiko, que xa leva tempo no panorama galego. Este grupo fai un espectáculo coa percusión como base...

-Volcado de cheo no Eido Dourado, ¿como leva o proxecto de crear un museo e un centro multicultural nun edificio do centro de Ribadeo?

-O proxecto de Ribadeo é moi ambicioso e marcha máis ou menos segundo os esquemas. A estrutura está practicamente rematada e agora estamos co peche, coas ventás. E nunha segunda fase pasaremos ao interior. Faise en varias fases porque son moitísimos metros. O interior vai ser moi coidado, vanse combinar materiais novos con outros máis tradicionais, como pedra, madeira e aceiro cortén. Na parte de abaixo irá un café cultural e unha terraza cun xardín habitable. Dese conta que a casa ten un patio interior duns 200 metros cadrados. Despois, na primeira planta, montaremos unha exposición monográfica sobre a miña obra, un recompilatorio de diferentes épocas. E, na última planta, vai levar unha sala de usos múltiples para acoller presentacións de libros, cursos, charlas e outras actividades. Tamén nesa planta se habilitará unha sala de exposicións aberta a outros artistas, pero cunha atención especial á escultura.