Unha ollada á demografía

Fran Bouso O OUTEIRO DE MONDOFORTE

A MARIÑA

caxoto

03 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Superando os 10.600 habitantes, a poboación de Mondoñedo representaba no ano 1900 o 2,2% das persoas residentes na provincia de Lugo. Ocupaba o décimo posto dos municipios da provincia en relación ao número de habitantes por detrás de O Saviñao (11.259), Sarria (12.095), Viveiro (12.997), Monforte de Lemos (12.999), Pantón (13.092), Vilalba (13.686), A Fonsagrada (15.725), Chantada (15.761) e Lugo (28.024).

Daquela Rábade (514) era o municipio menos poboado de Lugo e concellos que hoxe non superan os mil habitantes presentaban censos ben nutridos: Ribas de Sil (3.815), Muras (3.467).

En 1900, Burela (parroquia) contaba con 774 veciños, na actualidade (concello desde 1994) supera os nove mil cincocentos. Mentres que concellos como O Saviñao, Pantón, A Fonsagrada ou Mondoñedo, que superaban os dez mil habitantes nos primeiros anos dos século XX, non acadan hoxe as catro mil entradas no padrón.

Na actualidade, entre os dez municipios máis poboados da provincia hai catro mariñaos: Viveiro, Foz, Ribadeo e Burela. No resto do territorio lugués destacan entidades de poboación como Monforte de Lemos, Vilalba, Sarria e Chantada.

Mondoñedo contaba a día 1 de xaneiro de 2015 con 3876 habitantes. Nos últimos vinte anos a media de perda de veciños por ano roldaba os oitenta, máis de cen se contamos os últimos cinco anos. Unha caída en picado que se viu acentuada pola baixa natalidade, o elevado índice de pasamentos e a redución do número de inmigrantes chegados nos últimos anos, principalmente desde o peche ou redución de persoal das factorías ECAR e Hermida (Lourenzá).

En 1976 chegamos ao mundo 90 novos mindonienses, no 2015 só 17. O goberno local está a preparar unha serie de medidas que fomenten a natalidade entre as que se adiviñan a entrega dunha cantidade de diñeiro que podería oscilar entre os 600 e os 800 euros por mindoniense nacido e o fomento de servizos destinados á infancia (gardería, PAI, pediatras no centro de saúde, espazos lúdicos para os máis pequenos e actividades recreativas, formativas e culturais dirixidas ao público infantil). Ofrécense estes incentivos a unha poboación que supera os cincuenta anos de idade media ao tempo que se promociona o territorio e as súas posibilidades.

A elevada presión fiscal que non sempre reverte en melloras sociais; a falta de emprego, precariedade ou inestabilidade laboral; as dificultades de conciliación da vida laboral e familiar son algúns dos atrancos para o incremento da natalidade no conxunto de Galiza e máis aló.

A desesperación pola perda de poboación é tan grande que ata hai quen se alegra cando se producen fallos de recepción no sinal das televisións -déronse varios nos últimos meses-. Tamén o excesivo control en prol da seguridade, como nos fai ver Antón Caxoto na viñeta de hoxe, podería ter incidencia nos resultados demográficos.

Brincadeiras e medidas de urxencia a un lado, a situación demográfica en Mondoñedo é preocupante, de seguir así en menos de cincuenta anos non haberá nin un só mindoniense en Mondoñedo e máis de 20.000 espallados polo mundo adiante.