Non descubrimos nada si dicimos que Ribadeo é unha vila na que a actividade comercial e de servizos pauta o seu ritmo.
Dende sempre foi unha vila vinculada ao comercio, que soubo adaptarse ás necesidades da sociedade, o que lle permitiu consolidar o seu papel de centro comercial da comarca.
Hoxe atopámonos cunha sociedade en profundo proceso de transformación ao igual que o propio entorno, o que supón non so unha época de cambios, senón un cambio de época.
Con todo, Ribadeo mantén o seu pulso, a súa capacidade de combinar o comercio tradicional que configura a paisaxe urbana da vila, aportando non so intercambio económico senón tamén social e cultural, así coma un importante número de empregos, coa instalación de novas áreas comerciais e a adaptación de outras, como estamos a ver estes días.
Coido que esta elección das diferentes cadeas non é ó chou, senón que ven dada polo potencial de Ribadeo como centro comercial dunha comarca que comprende A Mariña e o Occidente Asturiano, pois ben sabemos que ninguén arrisca o patrimonio e menos grandes marcas, con concienzudos estudos de mercado antes de elixiren o seu asentamento.
Mais todo isto non nace da nada, a identidade comercial de Ribadeo constrúese dende o elemento mais pequeno, o comercio independente minorista, os mercados, a produción do sector primario que acudía á vila para vender os excedentes, a distinción para abrir os domingos, e pouco a pouco a profesionalización do sector, xunto co asociacionismo d@s comerciant@s e produtor@s.
Lembrades ben seguro, aquel Ribadeo do último cuarto do século XX onde as súas rúas habitadas por establecementos variados se constituían coma un pequeno centro comercial aberto, presidido pola Praza de Abastos.
Mais tarde chegarían Galerías La Innovación, o que supuxo todo un acontecemento non so na vila senón na contorna, dando un aire innovador e moderno, buscando adaptarse aos novos tempos; detrás virían novas incorporacións como a chegada do Todo-Todo, un novo concepto de supermercado para cubrir as necesidades que demandaba a sociedade.
Son moitos os comercios que contribuíron á construción deste Ribadeo comercial e non teño espazo para nomealos a todos, pero si para subliñar a súa labor.
Concretando, non se trata de escoller entre o pequeno comercio e as áreas comerciais das periferias urbanas, senón de compatibilizar a súa convivencia nun marco normativo que dea cabida a todos e permita unha san competencia.
Ribadeo polo tanto mantén este modelo de aposta polo equilibrio, oferta variada con diversificación na instalación das áreas periféricas e apoio ao comercio local con diversas actividades ao longo do ano como atractivo para visitantes e habitantes e o convenio de colaboración tanto económica como de actividades coa Asociación de Comerciantes, dándolles aos comercios xunto co sector servizos en xeral un protagonismo moi relevante na construción deste Ribadeo vivo, dinámico, amable, do que gozamos todos e todas.
Ana Martínez é concelleira de Turismo, Comercio e Desenvolvemento Local en Ribadeo.