«O problema para o pequeno comercio non é Vegalsa ou Mercadona, é Amazón»

José Francisco Alonso Quelle
josé alonso RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

«Traballamos día a día para facer de Ribadeo a capital de servizos e comercio entre Ferrol e Avilés», di o rexedor

06 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo, pensa que a oferta comercial da vila adaptouse ben nos últimos anos á competencia da área de Vilar, de xeito que agora son complementarias. «Son tempos de cambio. O problema para o pequeno comercio, para o comercio tradicional, non é que veña Mercadona ou que Vegalsa faga no Eroski unha importante reforma; o problema é Amazón. Os comerciantes teñen que enfrontarse ao reto de Internet e nós, dende o Concello, temos que seguir facendo de Ribadeo un lugar atractivo para combater a frialdade de mercar dende a casa», sinala.

-Vilar e a vila están preto pero distantes, separados por estrada e a vía do tren. Dous mundos.

-Temos pendente vertebralas, con unha conexión máis humana entre o que era o barrio de unha parroquia, Vilar, e Ribadeo. Para iso temos que aproveitar o plan urbano, para darlle máis importancia aos peóns, ás bicicletas, e tamén mellorar a accesibilidade en coche. Dende a rotonda de Vilaselán ata a Avenida Fernández Cardoso, no plan xeral contémplase un novo vial que en teoría debería executarse por iniciativa privada... pero estamos mirando iso a ver como se pode facer. Queremos tratar de coser pedazos dun Ribadeo que está xunto, pero non contextualizado. Pero é complicado, porque non se trata de asfaltar un camiño; son cousas estratéxicas.

-Fálase de Ribadeo como capital comercial e de servizos, pero en habitantes non medra.

-É que todo o que se falaba fai uns anos de medrar era mentira. Todo era medrar e construír... ¿e para que? Aí temos preto de nós centos de vivendas baleiras. Ribadeo ten que medrar pouco a pouco, consolidando o que hai, para chegar a ser unha pequena cidade atractiva. O resto todo era unha mentira da que Ribadeo escapou, aínda que tamén tivemos as nosas.

-Máis capital grazas á autovía.

-A autovía claro que axuda. Ribadeo segue estando lonxe de todos os sitios, pero ben comunicado. E logramos o que outros non fan: que a xente veña e non que se vaia.

A demanda no polígono industrial é irrelevante

«¿Ten máis para onde medrar Vilar? Vilar ten un polígono industrial, pero necesitamos impulsalo máis, porque conta con unhas instalacións e unha ubicación, con acceso á A-8, inmellorable. Pero faltan empresas», di o alcalde.

«Para iso Sepes ten que rebaixar os prezos, para adaptalos á oferta da contorna. O que ocorre é que ata agora non había con quen falar en Fomento. Espero facelo dentro de pouco e que sexan sensibles».