«A verdade é que o duelo, que será o sábado, deu un xiro total á festa», di José Saa
19 jul 2016 . Actualizado a las 13:28 h.Ano tras ano, unha das citas máis multitudinarias do verán mariñán celébrase nun recuncho da Mariña de apenas 600 habitantes. Un día ao ano aumenta considerablemente a cifra poboacional San Martiño porque parece estar xa ligado ao famoso duelo París de Noia-Panorama. Alí retaranse as orquestras galegas fronte aos seus incondicionais. Unha cita que fai das Festas do Carme desa parroquia focense das máis grandes na comarca. Hai que velo para convencerse de que así é.
-¿Como vai a organización?
-Coma outros anos. Esperamos que saia todo ben e que teñamos bo tempo. E principio, con algunha chamada que causa novidade. Hai xente que chama para saber cando son as festas de San Martiño para pillar as vacacións.
-Xa imaxino un dicíndolle ao xefe: «Pillo as vacacións do 22 ao 24 que San Martiño é sagrado».
-É que vén xente de Asturias, incluso de Santander e por aí adiante, aos que recibimos cos brazos abertos. Pero tamén penso: ‘tantos quilómetros para vir pasar unha noite a San Martiño’. Hai quen vén o venres á noite e domingo pola mañá xa marcha, é dicir, exclusivamente para San Martiño, coa súa tenda de campaña e non fai outra cousa... Outros si se quedan en hoteis, van á festa de noite pero o resto da fin de semana achéganse a Foz ou ao resto da costa da Mariña.
-Bueno, é que en San Martiño teñen de todo...
-Si, si e nós encantados. Sempre queremos que veña xente.
-E agardemos que non haxa incidencias graves, tamén.
-No medio de tanta xente, ¿non ten que pasar algo a veces?, comentamos. Grazas a Deus foron cousas mínimas o que pasou algún ano. Só queremos que a xente veña a divertirse.
-¿Que supuxo o duelo París de Noia-Panorama para as festas do Carme e para San Martiño?
-¡Buf! Non sei... Deu un xiro total. Iso foi... Debemos ser sobre 600 veciños e non sei se ese día veñen 15.000 ou 20.000 persoas. É moito. O campo está apretado, a área recreativa igual, tamén ao lado da igrexa... igual que moscas.
-Agora pídolle que se molle. ¿É máis da París ou da Panorama?
-A verdade teño que dicir que nin son da París de Noia nin de Panorama. A miña orquestra favorita é Claxxon e ata teño pena de que non poda vir a San Martiño. Nós non facemos a festa ao noso gusto, senón ao gusto maioritario. Tamén a única vez que vexo tanto á París de Noia como á Panorama é sempre nas festas de San Martiño.
-Ao ser multitudinaria, ¿como fan para que todo estea a punto?
-Debido á aglomeración de coches sempre hai colas, pero intentamos simplificalo o máximo posible. Sempre lles dicimos á xente que veña pola carreteira da igrexa porque quedan virados os coches e non entorpece o tráfico. Por outro lado imos contar con seguridade privada, 10 vixiantes este ano. Tamén co Concello de Foz estivemos falando. Este ano vai ser algo novo que para subir ao recinto a partir das 22.00 horas estará pechado o acceso a non ser que sexa unha urxencia e medios de emerxencias. Haberá tamén apoio de Tráfico e Garda Civil, Protección Civil, Policía Local... Fan falla todos, a verdade.
-¿A canto ascende o presuposto?
-Sempre aparecen cousas imprevistas pero este ano tivemos que incrementar o gasto da seguridade privada, facer o plan de seguridade... En números redondos, andamos nos 45.000 euros.
-Coas festas do Carme, tamén poñen a San Martiño no mapa.
-Que se fale de San Martiño desta maneira é unha honra. Que se coñeza polas festas a través de axencias, mellor. Somos unha aldea de 600 veciños e que nos teñan consideración é bo.
-E coa basílica, máis aínda.
-Tivemos a sorte de que por parte do Concello de Foz se involucraron, hai guía e están programadas visitas. Cada vez aumenta máis a xente, as peticións para vela. Se agora se fala máis da praia das Catedrais, tamén é porque houbo promoción antes.