En agosto participará en Brasil no concurso de servicios en hostelería
21 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Competindo con outros 14, Gabriel Vilar Longarela, veciño do barrio de Zaragoza en Ferreira do Valadouro, acadou recentemente en Madrid o primeiro posto na modalidade de Servicios en Restaurante e Bar no concurso SpainSkills 2015, converténdose así na persoa que representará a España na WorldSkills que se celebrará en Brasil, en agosto.
-Agora está estudando.
-Si, no CIFP Compostela aínda que cando me metín nos estudos de Hostalería o primeiro ano o fixen no San Xillao en Lugo e o segundo en Foz. Agora en Santiago estou co superior.
-¡Parece que xa percorreu case a metade das escolas galegas!
-(Ri) Case... percorrín tres e hai oito. O ciclo superior é máis teórico, orientado a dirixir unha empresa e non é tan práctico coma os estudos do ciclo medio.
-¿En que se quere especializar?
-Agora pretendo abarcar e aprender un pouco de todo, para poder dar clase como para chegar a ser maitre dun hotel.
-Está facendo as prácticas no Hotel Reis Católicos, en Santiago.
-A verdade é que chegar a facer prácticas aquí nunca o pensei. Xa é outro nivel. É o que eu quería, ir a un sitio así onde poidese aprender. É o traballo da hostalería pero doutra maneira.
-Se poidese escoller a un grande dos grandes para aprender con el, ¿que chef elixiría?
-Non sei, é difícil. Berasategui, Arzak, Adriá... pero particularmente, no noso mundo e tirando a baristas e coctelería, temos a David Ríos ao que admiro moito. Foi o mellor cocteleiro do mundo, en 2013. Temos aquí xente, non fai falla irnos a outros países.
-¿Como reaccionou cando lle dixeron o de representar a España na WorldSkills, en Brasil?
-Xa non o imaxinaba. Veu todo de sorpresa. Despois do último día, que foi o máis duro, non me sentía moi convencido do que fixera e pensaba que tería poucas oportunidades ao ver aos outros competidores. Pero que o día da entrega dos premios che digan... ¡que representas a España! Toca practicar pensando en agosto. Xa estamos organizando todo porque son datas difíciles, primeiro porque o instituto está pechado. Quero citar ao tutor que me prepara. É Manuel López Brea.
-¿Teñen algunha idea previa?
-Vamos intentar facer o máximo posible, por traballo non vai ser. E o que sexa, será. Por outros anos sabemos que teremos que facer cata de viños e de licores, elaboración de cafés (capuchinos, irlandeses..), coctelería clásica e de autor e servicio de gala, de atención a unha mesa de catro comensais cun menú concertado, pelado de froitas, pratos á vista do cliente... Hai que ter en conta que virá xente, pode ser, de Xapón, Finlandia, Estados Unidos... e non sabemos como traballan.
-O nivel galego é de destacar.
-É importante para Galicia e para España que se recoñeza o sector. Antes estaba algo esquecido. Pero agora vaise polo lado do espectáculo, facéndoo máis vistoso, xa que non é so poñer un café, hai moita máis cousa detrás. Din que para facer un café vale calquera, pero para facer un bo café non vale calquera.
-Normalmente o traballo no mundo da hostalería vese do máis estresante. Pero se gusta, ¿ata se disfruta a adrenalina?
-Cando este oficio che gusta o estrés realmente non se convirte nunha presión negativa ou mala senón que te activa. A min gústame a barra e ser barista.
gabriel vilar estudante de hostalería natural do valadouro