¿Canto queda para a igualdade?

Lucía S. Meítin

A MARIÑA

Lucía S. Meitín é tamén escritora.
Lucía S. Meitín é tamén escritora. p. losada< / span>

07 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Por fin chegou marzo para lembrarmos o moito que estrañabamos o sol, ou canto nos tardaban as flores, pero tamén para dedicar un día a todas as mulleres do mundo: o 8 de marzo, Día Internacional da Muller ¿Hai necesidade realmente dunha conmemoración para as mulleres? Haina. Pois, pese a que se teñen dado pasos cara ese destino mellor chamado Igualdade, moito nos queda aínda por andar. ¿Que canto queda? Depende de onde.

A sociedade española é unha sociedade machista na que quedan moitos pasos ata Igualdade; por parte das institucións, si, pero tamén por parte de cada quen, porque a maioría levamos ben inscritos na conciencia os estereotipos de xénero. E aquí non hai idade que valla; e se non, volvamos preguntar aos mozos e mozas que fai unha semana xustificaban na enquisa do CIS as condutas de control do home sobre a muller; ou conmovámonos coas cincuenta e tres mulleres mortas o ano pasado a mans das súas parellas, ou mesmo coa atroz estatística europea que o noso país defende en delitos de tráfico de seres humanos e prostitución.

Mirando cara diante na carreira en dirección a Igualdade aínda faltan moitos pasos que dar. Non obstante, botando unha ollada por riba do ombro, atopamos compañeiras que veñen detrás no camiño e que coexisten no mesmo mundo, ao mesmo tempo, mais lonxe, moi atrás. Miremos ás duascentas setenta nenas secuestradas nunha escola en Nixeria e que, para vergonza do mundo, naide foi buscar; ás 25.000 mulleres violadas na India cada ano, o que fai un total de sesenta e oito violacións ao día; a todas as nenas vendidas polas súas familias no norte de África. Miremos a todas aquelas ás que mutilan os xenitais, ou ás mulleres que se unen aos integristas islámicos para desfigurar con ácido o rostro das que non usan o veo integral. Os nosos ollos non dan abarcado por riba do ombreiro, namentres a pregunta xorde: ¿Canto queda para Igualdade? Queda.

E na nosa viaxe chegamos ao 8 marzo para dicir que non queremos ser, senón que somos iguais: loita a loita, paso a paso. E que non esquecemos, porque lembramos, o moito que estrañamos o sol, canto nos tardan as flores.

Lucía Sánchez Meitín é coordinadora da mostra 40 rostros de muller na historia, de Xove.