Mui contentas. Así se mostraban Natalia Yáñez, presidenta da comisión de festas do san Xoán de Covas, e a súa compañeira na tarea, Patricia Louzao, tras asistir á sesión de pleno da corporación de Viveiro co resultado da votación. «A do 23 é a noite máxica, cae entre semana; nós queremos gardar a tradición da lumeirada, que non se pode cambiar de data», explicou a presidenta do colectivo, que lembrou cando lle fixeron chegar á alcaldesa, María Loureiro, a proposta, que despois fixo súa o BNG.
Yáñez falou tamén das dificultades que supón para a comisión facer a petitoria para completar o orzamento. «Á hora de pedir polas casas nos atopamos con ese inconvinte, que cae pola semana». Descarta ao tempo que poida haber perxuizos para o comercio. «Os comerciantes teñen o poder de cerrar ou non cerrar, como queiran», engadiron
Din que seguiron a polémica dos festivos por La Voz e as redes sociais, e non están para nada de acordo cos argumentos esgrimidos por iVi do suposto perxuizo para as empresas. «España non vai mal porque se peche en san Xoán», din. A comisión xa anunciou que no 2015 as festas de Covas serán o 23, 24 e 25 «coa sadiñada, se non está cara».