O responsable da organización quere «humor e diversión» no desfile
21 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Para o primeiro teniente de alcalde de Viveiro, o nacionalista Bernardo Fraga Galdo, «o antroido de Viveiro debe ser unha referencia na comarca». O responsable da área de Obras, Cultura e Turismo aposta por esta festa, a pesar dos recortes, que deixaron o presuposto en nove mil euros. Co aumento da dotación dos premios das carrozas pretende fomentar a competividade e, deste xeito, a creatividade e a participación. Agradece a axuda dos empresarios da Acet Praia de Covas e Centro Comercial Casco Histórico.
-Explicaba na presentación que se trataba de manter o nivel do antroido a pesar dos «obrigados» recortes económicos.
-Esa é a filosofía, a situación económica da actualidade require que en moitos ámbitos haxa que reducir os costes ao máximo. É un programa similar ao de anos anteriores, gastando os mínimos cartos posible, pero sempre garantindo a calidade e un antroido de primeiro nivel, que debe ser unha referencia para o resto da comarca.
-Este ano introduciron varios cambios no programa.
-Quixemos dar tamén unha visión máis cultural traendo (onte á noite) a Carlos Blanco para continuar o humor das Alpuxarradas, e que mellor marco que o teatro Pastor Díaz para iso. A outra novidade máis salientable son os premios do desfile de antroido, que subiron considerablemente, anque o Concello pon menos cartos. Isto é posible grazas á colaboración das dúas asociaciones de comerciantes (Acet Praia de Covas e Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro). Cada un dos colectivos aporta mil euros e o Concello pon outros tres mil. Fixemos unha redistribución para intentar fomentar a competitividade entre as distintas carrozas e para que participen cada vez máis, para facelo máis atractivo. Ao subir os premios, sobre todo os das carrozas, eliminamos as axudas que se lles daban. Cremos que así se animarán a buscar máis a orixinalidade.
-¿Teñen xa algunha noticia de se vai haber máis participantes?
-Sabemos que os participantes habituais están traballando ao máximo nivel posible. E esperamos que aumente bastante o nivel do desfile. O caso é que a xente se divirta, iso é o máis importante do antroido, a diversión. Todo isto vai dirixido a que a xente que está dentro do carnaval teña que pensar e darlle voltas á cabeza para conseguir a mellor carroza, e que o vivan con humor porque ese humor acabarase transmitindo á xente que o está vendo. Queremos que pasen unha tarde agradable, que se divirtan e que se olviden dos problemas da vida cotiá, que son tantos nestes momentos de forte crise económica.
-En canto á colaboración das asociacións de comerciantes...
-Hai que agradecer a súa colaboración, o comercio é o gran beneficiario de calquer actividade que faga o Concello. E dende o primeiro momento, tanto a Acet Praia de Covas coma o Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro, mostraron vontade para axudar, dentro da súa capacidade, e iso deu froitos. Grazas a esa axuda os premios deste ano son moitísimo máis elevados, e nós contribuímos tamén ao outorgalos en vales de compra. Así, todo o que se reparta hoxe pola tarde repercutirá de novo no comercio e servirá para dinamizar o sector nun momento de dificultades.
bernardo fraga galdo teniente de alcalde de viveiro