A Deputación homenaxea a fusilados despois do golpe militar de 1936
20 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.O domingo, a Área de Cultura da Deputación rindeu homenaxe a 70 funcionarios desa institución represariados logo do fatídico golpe militar do 18 de xullo de 1936, e rememorou tamén o fusilamento de cinco veciños de Viveiro, acontecido o día anterior, nas tapias do cuartel da Garda Civil, ás costas do vello cemiterio de Lugo, na Avenida Ramón Ferreiro. Únome á homenaxe, amosando o meu respecto e o recordo emocionado a todos aqueles inxustamente perseguidos ou falecidos na defensa inquebrantábel das liberdades e do compromiso político.
Porque o exterminio físico, a violencia e a privación de todo tipo de dereitos, así como a pretendida desculpa de ocultar a memoria histórica, non poden servir de escusa para continuar coa impunidade, co silencio e o esquecemento, exercido longamente sobre o honor destes demócratas e as súas familias.
Homenaxes coma a da Praza da Soidade luguesa deberían obrigarnos a preservar máis que nunca a perpetuación da memoria das vítimas, agora que comezan a desaparecer as derradeiras testemuñas directas do xenocidio. Por iso resulta de capital importancia manter viva a memoria duns acontecementos tráxicos e lutuosos que ficaron marcados -a sangue e fogo- no máis fondo da memoria colectiva da poboación galega.
Sabido é que a memoria colectiva obedece a uns ritmos ou parámetros que ningunha razón científica consegue explicar doadamente. Sen dúbida, de todas as estruturas sociais existentes, semella ser unha das máis significativas, vastas e complexas. Como ten reflectido o sociólogo Maurice Halbwachs, autor, entre outros, dos libros Les Cadres sociaux de la mémoire e La memoria colectiva, aparecido en 1950, cinco anos despois do seu pasamento no campo de exterminio nazi de Buchenwald.
Halbawchs viña a dicir que as sociedades humanas ao igual que os individuos, en determinados estados de violencia e conmoción absoluta, reaccionan enterrando no máis profundo da súa memoria o acontecemento destrutor que a súa conciencia non consigue dominar. Evidentemente, os medos e as dores longamente interiorizadas tan só comezan a superarse definitivamente tras un longo proceso de maduración e análise dos horrores vividos. Por iso debería ser tan importante o coñecemento público da verdade e o restablecemento da honorabilidade das vítimas, a través da rehabilitación institucional, xurídica, persoal e moral.
Por desgraza, continua sendo moi frecuente escoitar a determinadas persoas falar con desprezo da morna Lei de Memoria Histórica, negando o innegable e ata opoñéndose a exhumar a miles de vítimas soterradas en cunetas e nos lugares máis inaccesibles, amosando un grao de inhumanidade e de vergonza allea difícil de comprender.
Unha e outra vez, coma si dunha maldición bíblica se tratase, é curioso comprobar como a nosa cultura occidental, a introdutora das liberdades e da modernidade política a través da Ilustración, abrolla para negar o progreso, a fraternidade e as liberdades, empregando diariamente como armas de destrución masiva os totalitarismos aniquiladores, o imperialismo e a tan manida tiranía dos mercados.
Medos e dores tan só comenzan a superarse tralo análise dos horrores vividos