Nesta familia de Viveiro xa levan tres xeracións dedicándose á pesca
03 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.O armador do Cabaleiro Uno, un dos tres cerqueiros con base no porto de Celeiro, empezou a ir ao mar con nove anos «nunha lancha pequena, o Atlántico, pescando sardiña ao xeito». Ramón Pérez Rodríguez (Viveiro, 1951) criouse no mar, co pai, Secundino Pérez Castrillón, cando a lonxa aínda estaba onde despois se construíu a confraría de pescadores, ao pé do muelle onde atracaban as lanchiñas. «Daquela había que traballar e aos 14 anos xa ía mandando o barco, con tres mariñeiros», conta.
Con 15 anos xa partiu para a costeira do bocarte. «Non había peixe e tiven que deixar o barco de meu pai... Tamén traballei no Gran Sol». No seu historial figuran varias embarcacións: «Dende 1976 tiven A Luz e despois fixen en San Cibrao o Nova Luz, que se foi a pique en A Coruña hai pouco, estreeino eu, vendino para Ares e agora estaba no porto de Malpica». O Cabaleiro Un mercouno en 2002.
O máis novo desta saga de mariñeiros viveirenses, José Ramón Pérez Pérez, xa quería acompañar ao pai de neno e sendo aínda un rapaz axudaba no barco durante todo o verán, ata o reinicio das clases. A el tamén lle gusta o oficio, formouse na Escola de Náutica de Ferrol, onde obtivo a titulación para exercer de patrón. «Algo ten que engancha -recoñece o seu proxenitor-, non é traballo duro, pero o peixe hai que deixalo dentro dun cerco que facemos de rede, de 285 brazas. E hai que ir onde está o peixe, se é en Burela, en Burela, se é na zona de San Andrés, pois en San Andrés». Traballan catro días á semana. Saen do porto sobre as sete da tarde e entran entre as 10 e as 12 do día seguinte. Van o patrón, o armador -«para ensinarlle un pouco, anque el xa leva moitos anos; moitas veces quere pescar e apúrase un pouco de máis, e este oficio é de paciencia»- e oito mariñeiros. Antes «traballábase de luns a domingo», recorda Ramón, que ten chegado do mar «e ir ás ameixas á ría, para defender a vida».
Esta familia de pescadores comparte os problemas co resto do sector. «A situación é complicada porque non che deixan pescar, polos cupos da Unión Europea, que en realidade puxo o Goberno central, vendeu estas cotas por outras», critica Ramón, que fai un diagnóstico pesimista. «Van matar o sector. Á cabala xa non puiden ir, arreei peixe ao mar para salvar o ano, porque se ves con el, préndente... Teño a empresa montada e hai que tirar para adiante».
Na víspera de San Xoán, o Cabaleiro Uno fixo boa noite. «Collemos o cupo de sardiña, sete mil kilos, vendemos por trinta mil euros», di. Días antes unha avería retívoos en porto.