Viñeron de Xove e trunfan en Viveiro servindo polbo, lacón e chourizos
06 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Quen proba o polbo á feira, o lacón cocido e os chourizos ao viño do bar O Panadeiro, en Verxeles (Viveiro), repite menú sen tardar. Pero antes do mostrador mandou a fariña. Pablo Fernández Fra naceu no Camiño Real, en Xove, e herdou dos pais e dos avós o oficio de panadeiro. Alí traballou durante 35 anos, parte asociado cun irmán. «Primeiro estivo a nome de meu pai, Valeriano, e despois pasou a ser panadería Fernández. O negocio naceu en Cervo cos avós e ao casarse meus pais, viñeron para Xove», explica Pablo.
Calquera das dúas actividades «son bastante suxeitas, esixen moitas horas», asegura. Nunca traballou tanto coma na época da construcción de Alúmina: «Botei ano e medio durmindo tres ou catro horas ao día, non se daba feito, foi a etapa mellor, pero ese ritmo non se aguanta. Vendías canto tiñas e aínda non chegaba, tiñas que ir ao mesmo sitio dúas ou tres veces. Cociamos e repartiamos». Tanto coma eles traballaban as mulleres.
O cambio de sector produciuse en 1999. «Viña o tempo da universidade dos fillos e non vin ganancia para poder darlles estudios; tiven que buscar mundo», conta O Panadeiro, como é coñecido por todos. «Alquilei este local (en Verxeles, xusto antes da estación de Feve); primeiro estivera como barra americana, despois unha das empregadas tivo bar, desfíxose, houbo almacén de pensos e estivo cinco anos pechado. Ata que o collemos nós para unha pulpería, por indicación de Jaime, o que tiña A Taciña. Díxome ?é bon porque está na feira e da cartos, ademais van poñer un tanatorio...?», relata.
Así empezaron Pablo e Ofelia, «de abaixo, de cero, sen coñecer un bar salvo como cliente». Ela, na cociña; e el, detrás do mostrador, ofrecendo polbo, lacón cocido, chourizos ao viño, bo xamón e bo queixo manchego. Os primeiros anos aínda se celebraba o mercadillo, el corte inglés de Viveiro, naquela zona: «Eran días moi bos; agora, a fin de semana tamén é mellor que o resto». O establecemento non pecha ningún día, entre outras razóns porque nunca se sabe cando vai haber funeral e o tanatorio move moita xente -«había que aproveitar os enterros, que non avisan»-. Os dous fillos estudiaron Traballo Social e agora preparan oposicións; mentres, botan unha man no bar cando hai máis apuro.