A asociación é unha das máis veteranas da Mariña e continúa a súa traxectoria con novos proxectos
16 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Foi no ano 2008 cando o Colectivo Cultural Buril, con sé en Burela, celebrou os seus 25 anos de traxectoria, sendo unha das asociacións máis veteranas da comarca no seu ámbito de actuación. Rosana Valle (Burela, 1985) exerce o cargo de presidenta dende xaneiro do 2009 (foi reelixida o pasado día 3 en asemblea xeral) consciente de ter «responsabilidade moi grande pola traxectoria que ten en Burela o colectivo e esperamos que continúe rexurdindo».
-¿Que lle atraía de Buril cando entrou nel?
-A liña de actividades que facían. Traballaba moito pola cultura galega (con xornadas de teatro, presentacións de libros...) e está moi ligado á de Burela. O que me atraía era poder participar e aportar o meu grao a actividades en clave galega pero tamén centrándose en Burela. Hai pouco se fixo unha actividade sobre as redeiras para valorar a súa situación a nivel galego e se contou coa presenza de mariñáns.
-¿E cal é a liña que pretenden seguir agora?
-É unha liña como a que se veu seguindo ate o de agora. Se fixo un debate sobre a política municipal con moita participación, polo Día da Muller a xornada das redeiras, pensamos facer roteiros, ir ás covas do Rei Cintolo, a pé por Burela e volver a facer o Aberto do Bonito para recuperar xogos tradicionais como billarda e bolos celtas e estamos empezando a traballar nas Letras Galegas.
-Tamén crearan un arquivo histórico de fotos.
-Estaba no IES Monte Castelo e sacamos un libro e a exposición de fotos que hai o porto de Burela. Tamén queremos dixitalizar a revista de Buril O Trasno.