Un tren chamado desexo

A MARIÑA

Dicía Miguel Delibes que o xornalismo viña ser algo así como un borrador da literatura e que a literatura era algo semellante ao xornalismo sen as présas e a urxencia que tantas veces acompañan a ese oficio. A opinión pode valer polo amplo dominio desas dúas disciplinas que el amosou e porque algunhas veces puido dicir coas novelas o que as autoridades non querían ver publicado no seu xornal, El norte de Castilla .

Máis alá de exemplos como o de Miguel Delibes, que os seus lectores sempre lembraremos, hai moitos temas que aparecen, cos distintos tratamentos que cada caso esixe, no xornalismo e na literatura. E algunhas veces, ademais, a literatura, como outras artes, recolle algún tema que o xornalismo debe tratar dunha maneira máis ben distinta.

Se repasamos o século XX, podemos ver, por exemplo, que o tren acada un protagonismo destacado. Un coñecido relato de Rafael Dieste titúlase O vello que quería ve-lo tren ; unha das cancións galegas máis coñecidas é O tren , de Andrés do Barro, e mesmo Álvaro Cunqueiro ten contado que unha das experiencias que o marcara nos seus anos de estudante de Bacharelato en Lugo era oír o ruído do tren que pasaba pola noite camiño de Castela.

No entanto, no xornalismo español e galego ten aparecido moito o tren, pero máis como un proxecto, un desexo ou unha necesidade mal resolta que como una presenza habitual. Todos os ríos de tinta, expresión moi xornalística, que se verteron a comezos do século XX para comentar a construción dun camiño de ferro que unise Lugo e Ribadeo -por Vilalba e Mondoñedo, como querían uns, ou por Meira, como propoñían outros- ou a ampliación da liña Vilaodriz-Ribadeo ata o Bierzo amosaron a mesma preocupación que os medios de comunicación, nomeadamente este xornal, expresan hoxe por un servizo que dá menos alegrías ca penas. A máis recente é a noticia de que o AVE do Cantábrico semella enfriarse entre os ventos da crise, algo que tampouco sorprende despois dos retrasos sufridos polo tren da costa ata o seu remate.

Consolémonos, pois, coa arte: volvamos, por exemplo, a Delibes, e con el, a Lorenzo, protagonista de Diario de un cazador , que oía o tren de Galicia cando non podía durmir.